Ribadeo chama ao voluntariado para reforzar a Cabalgata de Reis 2026

O Concello de Ribadeo e Acisa veñen de facer un chamamento conxunto á participación veciñal e empresarial na preparación da Cabalgata de Reis deste ano, unha das citas máis significadas do Nadal ribadense. A concelleira de Comercio e Turismo, Marta Saiz, explicou que nesta ocasión as Súas Maxestades de Oriente trasladaron ao Concello unha petición pouco habitual: necesitan persoas adultas que queiran exercer como paxes durante o percorrido do 5 de xaneiro, colaborando en tarefas de acompañamento, iluminación e organización.
Saiz destacou que “cada ano moitas persoas axudan voluntariamente coas antorchas ou noutras tarefas propias dos paxes, e este ano precisamos sumar máis mans. Animamos a veciños e veciñas a participar nunha das celebracións máis especiais do ano”. A edil agradeceu tamén “o esforzo e a ilusión de todas as persoas voluntarias que xa están a traballar nas últimas semanas. Grazas a moitos pequenos granos de area, Melchor, Gaspar e Baltasar lucirán dun xeito especial”.
Desde Acisa, a súa presidenta, Carmen Cruzado, recordou que a entidade está a colaborar cunha achega de mil euros e coa recollida de donativos voluntarios por parte das empresas, asociadas ou non. O obxectivo é contribuír aos gastos que supón a chegada dos Reis Magos. Cruzado explicou que as firmas poden realizar achegas de entre 30 e 100 euros, e que tamén existe unha modalidade de patrocinio para aquelas empresas que queiran aportar entre 200 e 500 euros. O prazo permanece aberto ata o 15 de decembro.
A presidenta de Acisa engadiu que os negocios tamén poden entregar caramelos para a comitiva: “As Súas Maxestades estarán encantadas de repartilos no seu percorrido polas rúas de Ribadeo”.
Tanto o Concello como Acisa insistiron na importancia de colaborar: “Falamos do día máis importante do ano para todas as nenas e nenos de Ribadeo, e tamén para o noso comercio. Canto maior sexa o apoio, máis máxica será a noite”.