Ribadeo celebrará o seu primeiro trail con tres modalidades e inscrición aberta ata o 1 de outubro

AMariñaXa
O evento celebrarase o 5 de outubro e o prazo de inscrición estará aberto ata o día 1
Ribadeo-trail-outubro-2025
26 Sep 2025

Ata o vindeiro 1 de outubro está aberto o prazo para anotarse no I Trail de Ribadeo, unha cita deportiva pioneira que se desenvolverá o sábado 5 do mesmo mes. A iniciativa, promovida polo Concello coa colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, busca converterse nun referente no calendario deportivo da Mariña Lucense.

A proba contará con tres modalidades diferenciadas: o trail longo, cun percorrido de 24 quilómetros; o trail curto, de 12; e unha andaina popular tamén de 12 quilómetros pensada para quen prefira participar a un ritmo máis tranquilo. As inscricións poden formalizarse a través da páxina web oficial www.trailderibadeo.com
ata o 1 de outubro ou ata esgotar as prazas dispoñibles.

A organización limitou a participación a 150 persoas no trail longo, 250 no curto e 200 na andaina. Todos os inscritos contarán cun seguro de accidentes, puntos de avituallamento durante o percorrido, asistencia sanitaria, bolsa do corredor, ademais dunha camiseta conmemorativa e un vaso pregable para fomentar a sustentabilidade.

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou que “con este evento o Concello de Ribadeo aposta por consolidar unha cita que combina deporte, natureza e promoción do territorio”. Ao tempo, animou á veciñanza e aos afeccionados ao atletismo e ao sendeirismo a sumarse á proba: “Queremos que este trail sexa só o primeiro dunha longa serie, e que Ribadeo se converta nun lugar de encontro para os amantes da montaña e do deporte ao aire libre”.

⚙ Configurar cookies
0.09858512878418