Ribadeo celebrará o 8M con teatro, unha exposición e con Miss Raisa
Ribadeo celebrará o Día Internacional das Mulleres con teatro, cunha exposición de fotos e coa presenza da rapera de orixe marroquí Miss Raisa. As actividades desenvolveranse do 6 ao 12 de marzo, segundo deu a coñecer a concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra.
Comezan o vindeiro domingo, 6 de marzo no Teatro, ás 20.00 horas co espectáculo O Benquerer(se) da compañía Aldaolado. Neste espectáculo as poetas Lucía Aldao e María Lado mesturan poemas, música e historias para facer visibles as desigualdades que as mulleres seguimos atopando na nosa vida pública e privada. Cun afiado sentido do humor, Aldaolado falan do patriarcado, do feminismo, da discriminación de xénero, do concepto do amor romántico, do amor a unha mesma e de todos aqueles temas cos que van tropezando no seu camiño cara o apoderamento. Porque ser muller é tamén aprender a quererse e querer ás outras. E Aldao e Lado pensan que o humor e a poesía son tamén ferramentas coas que mudar o mundo.
O día 7 de marzo, dentro do programa O Concello cos Coles, contará coa presenza da coñecida rapera Miss Raisa. Será no auditorio municipal ás 11.30 horas. Esta actividade, Miss Raisa, unha mirada desde dentro para derrubar prexuízos está dirixida aos centros de ensino de secundaria de Ribadeo. Trátase dunha charla-coloquio-showcase. Raisa, muller de orixe marroquí, falará de distintas temáticas que lle tocan de moi preto, tales como o racismo, a desigualdade de oportunidades e a liberdade de expresión, rompendo estereotipos e visibilizando certos aspectos que vive no seu día a día.Trata de romper cos falsos mitos e conclusións que saca a xente da súa cultura, relixión e dela como muller.
Xa o propio 8 de marzo, na rúa Rodríguez Murias, en colaboración co CIFP Porta da Auga, terá lugar a inauguración da exposición de fotos feitas por Xesús Varela nese centro, que se poderá ver ata o 12 de marzo. Co título A Educación: a porta para o cambio social mostra as diferentes familias profesionais que se imparten no CIFP Porta dá Auga e cal é a representación das mulleres nelas. Trátase de visibilizar á muller sen caer en estereotipos nin imaxes caducas: en defender a libre elección sen prexuízos, sen medos, porque sen cambio non hai futuro.