Ribadeo celebrará do 13 ao 16 de novembro unhas xornadas dedicadas á ría como espazo natural e cultural

A ría de Ribadeo será a protagonista das xornadas que o Concello organiza entre o 13 e o 16 de novembro, un programa que conxuga divulgación, cultura e natureza dentro da iniciativa Ribadeo cara o mar. Ao longo de catro días celebraranse charlas, mesas redondas, xeorutas, visitas guiadas e degustacións gastronómicas, cunha oferta pensada para reflexionar sobre o valor social, ambiental e patrimonial deste enclave que une Galicia e Asturias.
A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, explicou que “as xornadas terán un formato moi dinámico, con actividades que permitirán coñecer mellor o noso entorno e, ao mesmo tempo, abrir espazos de debate sobre o futuro da ría”.
O programa arrancará o xoves 13 de novembro, ás catro da tarde, cunha xeoruta de Porcillán a Rocas Brancas. Ás seis, no Salón dos Alcaldes, celebrarase unha mesa redonda coa participación dos alcaldes da Veiga, Ribadeo e Castropol, que reflexionarán sobre “a ría como espazo social e identidade compartida entre tres territorios”.
O venres 14, a actividade comezará ás once da mañá cunha visita guiada ao porto pesqueiro, seguida dunha nova xeoruta ata as Aceas. Pola tarde, ás catro e media, desenvolverase unha visita pola ruta comercial do Ribadeo ilustrado, e ás cinco e media, na biblioteca municipal, terá lugar a segunda sesión de reflexión, centrada no patrimonio cultural subacuático da ría, a cargo de Miguel San Clodio.
O sábado 15 abrirá cun avistamento de aves ás once da mañá, seguido dunha visita guiada ao Ribadeo Indiano. Pola tarde, ás cinco e media, Dani Prieto impartirá no Salón dos Alcaldes a terceira sesión, titulada A ría como ecosistema vivo: preservación e biodiversidade. A xornada concluirá cunha degustación gastronómica de produtos locais.
O domingo 16 ofrecerase un paseo en barco pola ría, acompañado dunha visita guiada. Ás doce do mediodía celebrarase a cuarta e última sesión: unha mesa redonda sobre os retos de futuro, a economía azul e o turismo sostible, coa participación da Mancomunidade de Concellos da Mariña, a Xunta de Galicia e o Club Náutico de Ribadeo. O encontro desenvolverase no propio Club Náutico, onde se porá o broche final cunha degustación gastronómica e amenización musical.
Sanjurjo lembrou que a participación é de balde, con prazas limitadas a 50 persoas, e que as inscricións poden realizarse a través da web turismoribadeo.gal. “Anímovos a todos a participar, porque é unha oportunidade magnífica para coñecer a ría dende múltiples perspectivas”, sinalou.
O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, felicitou á área de Cultura polo deseño e coordinación do evento. “Estas xornadas poñen en valor a nosa historia e o noso patrimonio, pero tamén fomentan o coñecemento e a conservación dun territorio compartido que nos une”, destacou.
Vega quixo subliñar tamén a importancia de captar fondos europeos e do GALP para facer posibles proxectos como este. “Ribadeo é o concello que máis fondos do GALP está xestionando, e iso permítenos impulsar actividades culturais e ambientais que teñen un impacto real na comarca”, afirmou.
O rexedor definiu Ribadeo cara o mar como “unha plataforma que quere poñer en valor todo o patrimonio e o territorio que compartimos con Castropol e a Veiga”. Engadiu que “esta ría é unha realidade compartida, un símbolo de identidade común e de convivencia entre tres municipios que forman unha comarca única”.
O alcalde pechou cunha mensaxe de futuro: “Queremos que Ribadeo siga sendo referente dun turismo de calidade, sostible e respectuoso co medio ambiente. Estas xornadas son un paso máis nesa dirección, combinando cultura, investigación e compromiso coa nosa ría”.