Ribadeo celebra unhas xornadas para poñer en valor o Forte de San Damián e o seu patrimonio costeiro

AMariñaXa
As actividades, que se enmarcan no programa “Ribadeo cara ao mar”, combinarán conferencias, visitas guiadas e degustacións gastronómicas os días 17 e 18 de outubro
exposicion-forte-san-damian
10 Oct 2025

O Concello de Ribadeo continúa o seu labor de promoción e conservación do patrimonio local coa organización da I Xornada arredor do Forte de San Damián, un encontro que se desenvolverá os días 17 e 18 de outubro dentro do programa Ribadeo cara ao mar. O obxectivo principal é poñer en valor o patrimonio fortificado costeiro e fomentar a protección dun dos enclaves máis emblemáticos e recoñecibles da vila.

As xornadas incluirán catro sesións temáticas nas que expertos e investigadoras de Galicia e Asturias analizarán a evolución das defensas costeiras desde o século XVI ata a actualidade, facendo especial fincapé no papel estratéxico da Ría de Ribadeo ao longo da historia.

O programa complétase con visitas guiadas ao casco histórico, ás fortificacións de Porcillán e ao propio Forte de San Damián, así como con degustacións gastronómicas centradas nos produtos do mar e un concerto de música antiga como peche do evento.

As persoas interesadas poden inscribirse gratuitamente a través da páxina web fortesandamian.gal ata completar aforo.

A iniciativa, organizada polo Concello de Ribadeo e cofinanciada pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation, pretende difundir o valor cultural, histórico e turístico do patrimonio fortificado local, ao tempo que promove a participación cidadá e a posta en valor dos recursos do territorio.

O alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, destacou que este tipo de proxectos “contribúen a consolidar o noso patrimonio como un recurso vivo, xerador de identidade e de oportunidades turísticas e culturais”. Engadiu que “a protección e difusión do Forte de San Damián é un paso máis dentro da aposta do Concello por recuperar espazos históricos e facer deles un punto de encontro coa nosa memoria colectiva”.

⚙ Configurar cookies
0.07775092124939