Ribadeo celebra “Ribadeo en Rede”, unha fin de semana dedicada á economía social e aos produtos locais

AMariñaXa
O Concello impulsa dous días de actividades, obradoiros, música e gastronomía para poñer en valor o cooperativismo e a produción de proximidade
concello-ribadeo3
7 Oct 2025

O Concello de Ribadeo presentou “Ribadeo en Rede”, unha completa programación de encontros e actividades que se desenvolverán os días 11 e 12 de outubro, co obxectivo de dar visibilidade á economía social, ao cooperativismo e aos produtos locais. A iniciativa está organizada polo Concello en colaboración coa Sucadoira e coa Rede EuSumo, integrada na administración local e especializada no fomento de proxectos colaborativos e sostibles.

A concelleira de Comercio, Marta Saiz, explicou que esta mostra “permitirá gozar da gastronomía, dos obradoiros, da música e do mercado de produtos da nosa terra, nun espazo pensado para aprender, compartir e desfrutar en comunidade”.

O programa comezará o sábado 11 de outubro cunha mesa redonda titulada Proxectos en Rede, que se celebrará na Praza de Abastos e servirá para poñer en valor iniciativas que tecen redes e oportunidades no territorio. Participarán representantes institucionais e profesionais de distintos ámbitos, como Pablo Fernández, secretario xeral de Emprego; Martín Alemparte, director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria; Vidal Martínez-Sierra, presidente do GDR Terras de Miranda; Rosa Ana Rodríguez, técnica do GALP A Mariña-Ortegal; e Manuel Valín, director do CFEA Pedro Murias de Ribadeo.

Durante a mañá tamén se desenvolverán conversas abertas con veciños e veciñas vinculados ao mar, á gandeiría e á horta, creando un espazo de diálogo arredor da economía social e solidaria, a alimentación sostible, o desenvolvemento rural e mariñeiro, a educación e a innovación territorial. A sesión matinal rematará cunha degustación de produtos locais, elaborados por produtores e cociñeiros da zona.

Xa pola tarde, o protagonismo trasladarase ao porto de Ribadeo, onde o biólogo Dani Prieto, da Confraría de Pescadores, ofrecerá un obradoiro familiar titulado Descubrindo a ría dende o microscopio. Trátase dunha actividade con prazas limitadas, polo que desde a organización recoméndase reservar previamente enviando un correo a adl@ribadeo.gal
.

O domingo 12, coincidindo coa última xornada do Mercado dos Domingos, a Praza de Abastos acollerá un obradoiro de prensado de mazá e unha elaboración e degustación gastronómica dirixida pola Asociación de Cociñeiros de Lugo. Nesta ocasión, o prato estrela será a Faba de Lourenzá, combinada con produtos do mar, nunha proposta que mestura tradición e innovación culinaria.

A programación desta fin de semana dedicada á economía social pecharase co concerto de Iria Estévez e Gonzo Piña, que porán o broche musical a dous días de celebración e encontro.

A concelleira Marta Saiz convidou á veciñanza e visitantes a participar: “Será unha excelente oportunidade para recoñecer a importancia dun sector económico fundamental para Ribadeo, ao tempo que gozamos e aprendemos coas actividades propostas. Ademais, esta edición coincide coa clausura do Mercado dos Domingos, un exemplo perfecto do valor dos produtos de proximidade e de calidade”.

⚙ Configurar cookies
0.087156057357788