Ribadeo celebra o II Encontro Día do Xubilado cunha comida popular na lonxa

AMariñaXa
A cita terá lugar o 28 de setembro e inclúe música en directo para animar a sobremesa
Ribadeo-encontro-xubilados-2025
9 Sep 2025

O Concello de Ribadeo prepara xa a segunda edición do Encontro Día do Xubilado, que se desenvolverá o domingo 28 de setembro na explanada da lonxa do porto. Así o confirmou a concelleira de Benestar Social, Elena Sierra, quen avanzou que a retirada das tarxetas, cun prezo de 15 euros por persoa, pode facerse ata o 23 de setembro na Área de Benestar Social, en horario de mañá. O pago deberá realizarse con tarxeta.

A edil explicou que a cita manterá o mesmo formato que na súa primeira edición. Os asistentes compartirán un xantar servido por Catering Sarredo, pensado como momento de convivencia entre veciños e veciñas. Unha vez rematada a comida, chegará a quenda da música coa actuación do dúo Ángel América, que volverá poñer ritmo á sobremesa cun repertorio festivo.

Sierra agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia e animou a todos os xubilados e xubiladas empadroados en Ribadeo a participar. “É unha oportunidade para gozar dunha xornada de encontro, de amizade e de celebración colectiva”, subliñou.

⚙ Configurar cookies
0.1657931804657