Ribadeo celebra as xornadas gastronómicas do peixe espada

Ribadeo acollerá este fin de semana, do 28 ao 30 de marzo, as xornadas gastronómicas dedicadas ao peixe espada, organizadas por Acisa en colaboración coa Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela (OPP-7). Un total de 15 establecementos de hostalaría participan nesta cita que pon en valor un dos produtos máis emblemáticos da costa galega.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, destacou que "do 28 ao 30 de marzo en Ribadeo trunfan espadas", e explicou que os bares, mesóns e restaurantes asociados a Acisa ofrecerán tapas e pratos elaborados con peixe espada capturado polos barcos do porto burelés. "Grazas á colaboración da OPP-7 Burela, desde Acisa puidemos organizar esta nova xornada, repartindo 75 quilos de peixe espada entre os locais participantes sen ningún custo para eles", apuntou Cruzado.
Pola súa parte, Jesús Pérez, xerente de Acisa, explicou que esta é a quinta vez que a asociación ofrece materia prima para as tapas e pratos aos seus asociados, co obxectivo de aforrarlles custos. As ofertas gastronómicas serán variadas, entre as que se atopan pratos como peixe espada ao xerez, albóndegas de peixe espada ou salpicón de peixe espada, entre outras especialidades.
A presidenta de Acisa engadiu que estas xornadas tamén buscan concienciar á cidadanía sobre a importancia de consumir peixe, non só por saúde, senón tamén polo sabor. "E se é peixe do porto de Burela, moito mellor", destacou. Cruzado tamén agradeceu á OPP-7 o seu apoio, xa que é a terceira vez que colaboran nesta iniciativa. "Estamos encantados coa súa axuda", concluíu.
A información detallada sobre as tapas, os pratos e os prezos de cortesía está dispoñible nas redes sociais e na web de Acisa Ribadeo.