Ribadeo celebra as primeiras Xornadas da Cabala nas que participan 21 establecementos
Todo está listo en Ribadeo para a celebración das primeiras Xornadas da Cabala, que terán lugar do 17 ao 19 de maio. Están organizadas por Acisa Ribadeo coa colaboración da OPP-7 do Porto de Burela. Na cita gastronómica participan 21 locais hostaleiros, “que van ofrecer tapas e pratos preparados con este peixe capturado polos barcos do porto burelés. A OPP facilítanos de forma gratuíta preto de 90 quilos de cabala que distribuímos entre os bares, mesóns e restaurantes sen ningún tipo de custe para eles”, explica a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado.
Os locais participantes son: Queimada, O Lar de Manolo, El Rincón del Gordo, La Quinta, A Horta de San Roque, O Indiano, La Solana, A Mirandilla, La Bugalla, Javier Montero, San Miguel, Parador de Turismo, Ramonita, Cayo Coco, Costa Verde, A Menchina, La Flor de Jose, Kalpa Amodiño, Mesón D´Cata, Mareta e Barallocas. O xerente de Acisa, Jesús Pérez, subliñou que “esta é xa a terceira vez que desde Acisa regalamos materia prima para a elaboración das tapas e dos pratos ás nosas asociadas e asociados, co que pretendemos deste xeito aforrarlles custes nas campañas que lles propoñemos. Isto marca unha liña de acción da nosa asociación para este tipo de eventos, que iniciou a actual directiva coas xornadas da lura e as da pescada de Burela e que segue agora coa cabala”.
Cruzado Iglesias puntualizou que o que lles aportan aos locais é unha parte do produto que van empregar para elaborar as súas preparacións. “Os bares van ofrecer tapas e os restaurantes diferentes pratos dun produto de tempada como é a cabala ou xarda”. Con estas xornadas, pretenden “axudar á dinamización do sector hostaleiro nesta data tan especial que coincide coa celebración das Letras Galegas, ofrecendo unha alternativa aos ribadenses e á veciñanza doutras localidades da Mariña e do Occidente asturiano a quedarse ou a vir a Ribadeo a desfrutar dunha proposta gastronómica diferente”.