Ribadeo celebra a XXVIII edición do seu Festival de Bandas este sábado

Este sábado, 19 de xullo, Ribadeo acollerá unha nova cita coas melodías tradicionais e contemporáneas das bandas de música. O municipio celebrará a vixésimo oitava edición do seu Festival de Bandas, un evento xa consolidado dentro do calendario cultural estival da vila.
O director da Banda Municipal de Música de Ribadeo, David Ballester, avanzou que a agrupación continúa co seu ciclo de concertos de verán, logo da súa recente participación no Ribadeo Indiano o pasado 12 de xullo. “Agora toca un dos encontros máis significativos da tempada: o Festival de Bandas, que este ano chega á edición número vinte e oito”, explicou.
Nesta ocasión, compartirán escenario a Xove Banda de Narón e a propia formación anfitrioa. A xornada dará comezo ás 19:30 horas cun pasarrúas que partirá desde o Teatro ata o Campo de San Francisco, amenizando as rúas do centro con ritmos festivos. A continuación, ás 20:00 horas, o auditorio municipal Hernán Naval acollerá o concerto. A primeira actuación correrá a cargo da banda convidada de Narón e, acto seguido, será a quenda da Municipal de Ribadeo.
Segundo indica Ballester, “o repertorio que preparamos é bastante ecléctico e variado, con pezas pensadas para todos os públicos, polo que estamos seguros de que quen se achegue vai gozar moito da experiencia”.
O director aproveitou para facer un chamamento á veciñanza e visitantes: “Animamos a toda a xente que estea esta fin de semana en Ribadeo, especialmente o sábado, a que participe no pasarrúas e no Festival de Bandas. Vai ser unha tarde para pasalo moi ben con música en directo e nun ambiente moi especial”.