Ribadeo celebra a XXII Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón como homenaxe á creatividade escénica

Ribadeo prepárase para vivir unha fin de semana dedicada ao teatro coa celebración da XXII Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón, que terá lugar do 17 ao 19 de outubro no Teatro da vila. A cita foi presentada pola concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, quen destacou que esta mostra “continúa sendo unha homenaxe viva á memoria de Daniel Cortezón e ao seu legado cultural, mantendo o espírito co que naceu: dar visibilidade ao teatro afeccionado galego e ao talento das compañías que o fan posible”.
A edil subliñou que a mostra é xa “unha cita consolidada no calendario cultural de Ribadeo, un espazo no que o teatro afeccionado galego pode compartir o seu traballo e o seu entusiasmo co público”. Segundo engadiu, “durante tres días teremos a oportunidade de gozar de diferentes propostas escénicas que nos farán rir, pensar e, sobre todo, valorar o talento das compañías da nosa contorna”.
O programa desta edición inclúe tres representacións. O venres 17 de outubro, o Grupo de Teatro A Mariña, de Cervo, presentará Historia dun fidalgo; o sábado 18, o Grupo de Teatro Abrente, das Nogais, representará A herencia de Xoana; e o domingo 19, o Grupo Humorístico Trípode, de Alfoz, pechará a mostra coa obra A presa.
Sanjurjo lembrou que todas as funcións comezarán ás 20:00 horas no Teatro de Ribadeo e que o prezo da entrada é de 3 euros. A concelleira animou á veciñanza de Ribadeo e da comarca a participar neste encontro cultural: “O teatro é unha das expresións culturais máis vivas e necesarias. Queremos que Ribadeo siga sendo un lugar de encontro para a creación e para o gozo colectivo das artes escénicas. Vémonos no Cine Teatro”.