Ribadeo celebra a oitava edición dos Cantos de Taberna o 24 de maio

Ribadeo prepárase para acoller a oitava edición dos Cantos de Taberna, unha das citas máis esperadas no calendario cultural do municipio. O evento, que terá lugar o 24 de maio, está organizado polo Concello de Ribadeo e promete un día cheo de música, tradición e un ambiente festivo nos locais de hostalaría da vila.
A concelleira de Turismo, Marta Saiz, anunciou que a inscrición para participar no concurso dos Cantos de Taberna xa está aberta e será gratuíta. Os grupos interesados en formar parte desta celebración musical deberán inscribirse antes do 16 de maio. As solicitudes poden realizarse a través do correo electrónico turismo@ribadeo.gal ou chamando ao teléfono 982 128 689. Para formalizar a inscrición, os participantes deben achegar a ficha de solicitude, dispoñible na sede electrónica da páxina web do Concello de Ribadeo, www.ribadeo.gal.
A concelleira tamén explicou que este ano a participación estará limitada a un máximo de 15 grupos, ou 150 persoas en total. Cada grupo percorrerá un itinerario previamente asignado pola organización e non poderá actuar en locais de hostalería que non lles foran asignados. Os repertorios serán de libre elección, preferentemente con pezas populares e tradicionais, incluíndo obras de raíz ribadense que poderán ser modificadas ao longo do percorrido. Ademais das voces, os grupos poderán levar instrumentos musicais, sen que isto incremente o número de integrantes.
Unha das novidades deste ano é que todos os grupos participantes quedarán convidados a un agasallo común: unha cea ou petiscos xuntos ao remate do evento, que se celebrará tamén o 24 de maio, despois de rematar os Cantos de Taberna.
Marta Saiz destacou que esta xornada busca rememorar as xuntanzas festivas dos anos 50 e 60, cando un pequeno grupo de amigos, acompañados dunha xarra de viño, eran suficientes para improvisar un concerto de cantigas populares. "Moitas das pezas que hoxe en día se conservan probablemente xurdiron desa espontaneidade", afirmou a concelleira.
A actividade, que se converteu nun evento tradicional de gran calado para os amantes da música, atrae a grupos de diferentes puntos de Galicia e Asturias, creando un ambiente festivo e cheo de vida nos bares e tabernas participantes.
"Non podedes faltar á cita do 24 de maio. Acomódate en Ribadeo e goza dun día tan popular e festivo como son os Cantos de Taberna", invitou Marta Saiz a todos os veciños e visitantes.