Ribadeo celebra 25 anos como destino turístico e 20 anos como Ben de Interese Cultural

AMariñaXa
O acto conmemorativo terá lugar o 3 de abril no auditorio municipal coa presenza do presidente da Xunta
Ribadeo-vistas-area-santa-cruz
26 Mar 2025

Ribadeo conmemora dous fitos clave na súa traxectoria turística e patrimonial: os 25 anos desde que foi recoñecido como destino turístico pola Xunta de Galicia e os 20 anos desde a declaración do seu casco histórico como Ben de Interese Cultural (BIC). Para celebralo, o vindeiro 3 de abril terá lugar un acto especial no auditorio municipal, ao que asistirá o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ademais dos alcaldes e alcaldesas doutros seis municipios galegos que comparten esta distinción: A Pobra de Trives, Lieiro, Monterrei, Sanxenxo, Baiona e Mondariz Balneario.

O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, destacou a importancia destes recoñecementos, sinalando que “lembrar este camiño significa recoñecer todo o esforzo realizado para consolidar un turismo estratéxico e de calidade, respectuoso coa identidade de Ribadeo e en harmonía cos seus sectores produtivos”.

O rexedor puxo en valor o traballo desenvolvido ao longo destas dúas décadas para preservar e dinamizar o casco histórico, resaltando que “hoxe é un dos máis habitados e mellor conservados de Galicia”. Subliñou, ademais, que a dinamización deste espazo non significa alterar a súa esencia, senón “apostar por un desenvolvemento ordenado e sostible, respectando a normativa e mantendo vivo o centro histórico como parte fundamental da identidade local”.

Turismo de calidade e colaboración público-privada

Dani Vega insistiu en que o modelo turístico de Ribadeo baséase na calidade máis que na cantidade. “Non queremos masificacións, senón un turismo sostible, que fomente a desestacionalización, que respecte a convivencia entre residentes e visitantes e que aposte pola excelencia na hostalería, a restauración e a oferta hoteleira”, explicou. Segundo o alcalde, o éxito de Ribadeo como destino non foi só froito das administracións, senón tamén do esforzo do sector privado. “Se hoxe somos un referente, é grazas ao traballo conxunto de hostaleiros, restauradores e empresarios do sector servizos, que actúan como embaixadores do noso turismo”, engadiu.

Unha homenaxe á historia para seguir avanzando

O evento do 3 de abril tamén será unha oportunidade para recoñecer a figura de dous exalcaldes que desempeñaron un papel fundamental nestes logros: José Carlos Rodríguez Andina, que iniciou o proceso para que Ribadeo fose declarado destino turístico, e Balbino Pérez Vacas, quen impulsou a declaración do casco vello como BIC.

O acto está aberto a toda a cidadanía, e Vega anima aos ribadenses a participar nesta celebración que “non só honra o pasado, senón que tamén serve para mirar cara ao futuro e seguir traballando para que Ribadeo continúe medrando como destino de referencia en Galicia”.

⚙ Configurar cookies
0.065176010131836