Ribadeo aprobou o orzamento para 2020 que ascende a 9.100.000 euros
O Concello aprobou, no pleno ordinario celebrado onte, o orzamento para 2020 que ascende a más de 9 millóns de euros, dos que 1.500.000 van destinados a gasto social e 800.000 euros a investimentos propios. O concelleiro de Economía, Pablo Vizoso, subliñou que os niveis de endebedamento son moi baixos, cunha ratio do 17% cando a lei permite chegar ata o 110%.
O edil explicou que “no pleno de onte aprobamos os orzamentos para este 2020, o que supón un instrumento básico para unha xestión eficiente en calquera Concello. Son uns orzamentos que ascenden a case 9.100.000 euros, e que recollen un incremento moi importante en gasto social, aproximándose este capítulo a 1.500.000 de euros. Aquí me estou referindo á achega por exemplo ao asilo ou á nova residencia de maiores, ao servizo de axuda no fogar, na súa modalidade básica ou de dependencia, aos servizos para maiores, a igualdade, etc…”.
Pablo Vizoso sinalou que “estes orzamentos incorporan tamén o incremento salarial pactado co persoal e a consignación para moitas partidas de actividades que organiza ou contrata o Concello ao longo de todo o ano como a programación cultural, o programa Aquí? Como de 20!, a escola de música, as escolas deportivas, etc… Prográmanse e contémplanse todas estas actividades mantendo uns niveis de endebedamento realmente baixos, cunha ratio do 17% cando a lei permitiríanos chegar ata o 110%”.
O concelleiro de Economía salientou que “se falamos do capítulo propio para inversións achegámonos aos 810.000 euros e recolle a reparación de vías urbanas, de camiños rurais, alcantarillados, ampliación da rede de auga en varios núcleos, diferentes inversións en infraestruturas deportivas e unha partida para o desenvolvemento urbanístico. Proximamente incorporaranse os plans cofinanciados coa Deputación de Lugo como o Plan Único, ou o Agader coa Xunta de Galicia”.
Vizoso lembrou que “no debate previo á aprobación dos orzamentos tivemos a ocasión de analizar detalladamente a operativa e tamén a procedencia de todos estes fondos que permiten financiar estes orzamentos, e permítome dicir que se trata nalgunhas ocasións de achegas doutras administracións que non se ven incrementadas desde hai bastantes anos. Aproveitamos para demandar a colaboración do resto das administracións, principalmente da Xunta, para que incremente o Fondo de Cooperación Local cos Concellos, entre outros, e así poder atender adecuadamente servizos que se prestan desde o Concello, pero que son competencias propias da Xunta, como por exemplo ocorre co servizo de axuda no fogar ou outros de carácter social para os que o Concello ten que reservar sempre un volume importante de recursos. Quero manifestar que desde o Concello estamos sempre abertos a unha colaboración honesta co resto de administracións e sempre polo ben de Ribadeo”.
Os Garitos
O equipo de goberno presentou unha enmenda á moción do PP sobre o arranxo e acondicionamento da estrada dos Garitos. A concelleira de Obras, Mónica Freire, dixo que “desde o Concello xa levamos un tempo traballando para buscar unha solución ao problema do vieiro dos Garitos, de feito nos últimos meses mantivemos algunha xuntanza coas veciñas e cos veciños para trasladarlles esta vontade e buscar unha solución axeitada aos problemas que presenta esta rúa”.
A edil nacionalista contou que “desde o goberno, debido tamén á complexidade das obras de actuación e visto que este ano a Consellería de Medio Ambiente non vai convocar as axudas en réxime de concorrencia para o acondicionamento de infraestruturas, propuxemos unha enmenda na que se incluíra un punto onde solicitaríamos á Xunta de Galicia a sinatura dun convenio bilateral ou a concesión dunha subvención excepcional, que permita o cofinanciamento destas obras, mantendo as porcentaxes que se viñan recibindo nalgún exercicio anterior. Neste senso a aceita por parte da oposición nos traslada certa esperanza e esperamos que a Xunta reciba esta proposta e proceda a facer realidade este convenio que nos permita as actuacións neste vieiro, que por outro lado necesita urxentemente actuacións para a súa mellora”.
O alcalde, Fernando Suárez, salientou que “neste pleno aprobouse inicialmente este plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais, que é un documento que temos que aprobar inicialmente os Concellos, que se ven sumar a todos os esforzos que o Concello de Ribadeo leva feitos nos últimos tempos traballando para mellorar a seguridade das vivendas dos entornos habitados para protexelos contra os lumes forestais. Agora, nesta aprobación inicial, haberá un tempo de exposición pública para que a xente poida facer alegacións do que vai ser o contido deste plan”.
O rexedor engadiu que “tamén aprobamos, de maneira unánime, esta nova convocatoria de subvencións para o casco vello de Ribadeo e de Rinlo, estes remanentes que nos quedaron das achegas tanto do Ministerio como da Xunta de Galicia e imos sacar un novo plan de rehabilitación para estes conxuntos históricos”.
Autovía do Cantábrico
O rexedor relatou que “houbo unha moción que presentou o PP para dirixirse ao Ministerio e demandar unha serie de melloras na autovía A-8, sobre un acceso a Ribadeo desde a A-8, e tamén unha conexión da vía da Deputación que ven das parroquias do interior para conectala coa circunvalación. Contou co apoio de todos pero hai que dicir que notamos que hai un cambio, cando goberna Rajoy durante sete anos non nos fai en absoluto caso a todas estas reivindicacións que están demandadas, con independencia de quen as demande, aquí desde Ribadeo, e agora o PP quere que o novo goberno o faga inmediatamente. Sumámonos, pero que quede claro que estas reivindicacións levamos ríos de tinta, de mocións, de escritos e que ata agora ninguén se acordou delas. Oxalá, a partires de agora, o goberno do Estado sexa máis sensible a estas demandas de Ribadeo”.
Fernando Suárez comentou que “unha moción que plantexaba o Partido Popular era para cambiar o alumeado público en Couxela. Algo que como imos facer e como xa estamos planificando pois non ten sentido por oportunista esta moción e, aínda que non a votáramos a favor, iso é un compromiso que xa adquirimos hai tempo cos veciños desa parroquia que realmente teñen un alumeado moi vello e necesita ser substituído, e polo tanto vaise facer”.
Alcoa e sanidade
O alcalde manifestou que “houbo unha moción do BNG sobre a demanda para que o Ministerio cree dunha vez por todas este estatuto das empresas electrointensivas, as que consumen moita electricidade, como é o caso de Alcoa, para que poña enriba da mesa ese novo estatuto que dea garantía, estabilidade e futuro a esta empresa que, aínda que non está en Ribadeo, é fundamental para A Mariña, para Galicia e tamén para Ribadeo”.
Suárez Barcia engadiu: “finalmente houbo unha moción do PSOE en defensa da sanidade pública, que tamén foi aprobada, aínda que cos votos en contra do Partido Popular pero cos votos a favor do BNG e máis do PSOE, onde apoiamos esta manifestación masiva que vai haber este domingo en Santiago. O Concello de Ribadeo puxo o seu grao de area coa posta a disposición dun autobús, xunto con outros Concellos, para que a xente que queira ir a esa manifestación para reivindicar unha saúde pública de calidade, e non asistir, como estes últimos anos, a unha degradación da sanidade pública, a un incremento dos concertos coa privada e a un decrecemento de funcións. Por máis que se amplíe o Hospital da Costa cada vez se parece máis a un gran ambulatorio, onde as cousas importantes cada vez se están derivando máis a Lugo e cada vez se están distanciando máis dos centros onde vivimos os veciños e as veciñas da Mariña”.