Ribadeo aprobará un orzamento de 12,2 millóns de euros para o ano 2026

AMariñaXa
Está convocado un pleno extraordinario e urxente ás 20.00 horas deste martes, 23 de decembro
concello-de-Ribadeo-vista-2
23 Dec 2025

O Concello de Ribadeo celebra esta tarde un pleno extraordinario e urxente, convocado para as 20.00 horas, no que se aprobará o orzamento municipal para 2026, que ascende a 12,2 millóns de euros. O alcalde, Dani Vega, sinalou que se trata dun orzamento continuísta, que planifica inversión, garante o funcionamento do Concello e ten en conta o incremento previsto nos convenios para o próximo ano.

Entre os asuntos principais do pleno destaca a aprobación da cesión dos terreos municipais á Xunta de Galicia para a construción dun novo centro de saúde, un proxecto que, segundo o rexedor, permitirá contar con novos servizos sanitarios en Ribadeo. O convenio coa Xunta será asinada o 26 de decembro e a Xunta comezará a redactar o proxecto.

Outro punto destacado é a cesión gratuíta do Teatro de Ribadeo pola Filantrópica Dramática durante 25 anos, o que permitirá ao Concello aforrar 700 euros mensuais e avanzar nun proxecto de mellora e mantemento do emblemático auditorio. Dani Vega agradeceu á entidade o traballo realizado ata o momento e destacou que esta colaboración facilitará unha xestión máis eficiente e a reparación do edificio.

Ademais, o pleno abordará a mellora do convenio coa Deputación para a xestión da residencia de maiores de Ribadeo entre 2026 e 2030, o que permitirá optimizar recursos, e a renovación do convenio co Concello de Barreiros para a segunda fase do obradoiro de emprego “Constrúe en Verde”. Tamén se aprobará a comisión de seguimento das obras da rúa Buenos Aires, financiadas ao 100% pola Xunta de Galicia, que arranxará unha vía de titularidade de Portos de Galicia.

O alcalde rematou subliñando que se trata dun pleno cargado de asuntos de interese para Ribadeo, centrado en máis investimento, mellor xestión e proxectos que impulsan o desenvolvemento do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.076472043991089