Ribadeo aprobará en pleno investimentos por valor de 10 millóns de euros

Hoxe ás 20:00 horas, Ribadeo celebra un pleno municipal no que se aprobarán importantes investimentos para o concello, sumando un total de 10 millóns de euros. O alcalde, Dani Vega, destacou a relevancia destas actuacións, que inclúen a mellora da rede de abastecemento de auga, a renovación da rúa Buenos Aires e novos fondos para infraestruturas nas parroquias.
Entre os proxectos máis significativos está a modernización da rede de abastecemento de auga, cun orzamento de 8,5 millóns de euros, dos cales 7,5 millóns serán achegados pola Xunta de Galicia. O alcalde subliñou que se trata dun paso definitivo para licitar as obras, tras anos de reivindicacións. "Durante este tempo levouse a cabo un traballo fundamental de xestión, redacción do proxecto e análise por parte da Comisión da Auga. É unha boa noticia poder dar solución a este problema histórico de Ribadeo", explicou Vega.
Tamén se someterá a aprobación o convenio para a renovación integral da rúa Buenos Aires, que inclúe a reposición do pavimento e a actualización das infraestruturas soterradas, como a separación das augas pluviais e fecais e a renovación da rede eléctrica. "Estamos a actuar con rigor e sentido común, garantindo unha reforma completa desta rúa, que levaba moitos anos abandonada", sinalou o rexedor.
Outro punto clave do pleno será a aprobación do Plan Único da Deputación, que destina 370.000 euros á mellora da rede de infraestruturas das parroquias. Ademais, con 270.000 euros de fondos europeos, mellorarase a conectividade e a conservación do espazo natural da praia das Catedrais, consolidando a Ribadeo como un dos concellos que máis fondos europeos xestiona.
No ámbito normativo, aprobarase unha modificación da ordenanza sobre o uso especial das vías públicas municipais, centrada no sector forestal. "Ribadeo é un concello referente nesta regulación, que garante a conservación das pistas forestais a través dun sistema de sancións para as empresas que non cumpran co seu mantemento", explicou Vega.
O pleno tamén incluirá a aprobación de modificacións na Relación de Postos de Traballo (RPT) e no Plan Estratéxico de Subvencións, ademais do paso definitivo para a validación do escudo e da bandeira de Ribadeo no Consello da Xunta.
"O de hoxe é un pleno cargado de contido, que reflicte unha xestión continua e eficaz para seguir avanzando", concluíu o alcalde.