Ribadeo aposta pola seguridade infantil con melloras no parque de San Miguel

O Concello de Ribadeo continúa co seu plan de actuación sobre espazos públicos, centrando os seus próximos esforzos na mellora do parque infantil de San Miguel e na rehabilitación da rúa Illa Pancha. Así o anunciou o alcalde, Dani Vega, quen destacou que ambas intervencións responden a demandas veciñais e forman parte dunha planificación que busca "incrementar a calidade de vida no municipio".
No caso do parque de San Miguel, Vega explicou que se procederá á retirada do peche vexetal de mirto, que se atopa moi deteriorado, e será substituído por unha varanda de madeira que rodeará todo o perímetro da área infantil. “O que queremos conseguir con isto é dotar de seguridade un espazo infantil que ata o de agora non era posible”, indicou o alcalde.
Esta actuación responde, segundo subliñou o rexedor, ás peticións de numerosas familias que advertiran da escasa protección que ofrecía o actual sistema de peche. “Escoitamos aos veciños, ás familias que nos dicían que o mirto non era seguro. Con esta nova varanda, aseguramos todo o espazo e tamén melloramos o entorno de lecer”, apuntou Vega.
A intervención incluirá ademais a instalación de mesas e outras melloras no espazo verde, co obxectivo de crear un lugar de encontro e descanso para pequenos e maiores. O parque de San Miguel, situado nunha zona privilexiada con vistas á ría, converterase, segundo o alcalde, “nun dos mellores parques de Ribadeo, desde o que se pode pasear, contemplar a paisaxe e pasar tempo de calidade mentres os nenos xogan”.
Paralelamente, o Concello tamén intervirá na rúa Illa Pancha, que presenta un avanzado estado de deterioro. “É unha das vías que leva máis tempo en mal estado, por iso decidimos incluíla como prioridade no noso plan de mellora de rúas”, sinalou Vega. O obxectivo é acondicionala por completo, mellorando o seu firme e seguridade viaria.
O alcalde lembrou que estas obras contan cun financiamento íntegro da Xunta de Galicia, e que forman parte da estratexia municipal de xestión responsable dos recursos públicos. “Nós dedicámonos a iso: a planificar, a xestionar e a investir para que Ribadeo siga avanzando e mellorando día a día”, concluíu.