Ribadeo aposta pola recuperación da marxe galega da ría con 800.000 euros de fondos europeos

AMariñaXa
O Concello captará financiamento do programa Life Fluvial para repoboar con especies autóctonas e eliminar plantas invasoras
RIBADEO-Life-Fluvial-Rrecuperar-marxe-ria-2025
19 Aug 2025

Ribadeo vén de dar un novo paso na súa estratexia medioambiental coa captación de máis de 800.000 euros a través do programa europeo Life Fluvial, que permitirá mellorar a marxe galega da ría. O proxecto inclúe a eliminación de eucaliptos e outras especies invasoras, así como a repoboación con árbores e plantas propias do ecosistema.

O alcalde, Dani Vega, sinalou que “seguimos investindo e mellorando todos os espazos verdes. Somos o concello que máis fondos europeos xestionou e neste caso destinamos máis de 800.000 euros para recuperar toda a zona da ría, nos terreos da marxe galega”. O rexedor destacou que se actuará especialmente na enseada da Vilavella e na senda peonil que conecta As Aceas co Muíño de Mareas.

Vega lembrou que este proxecto vén consolidar un traballo iniciado hai anos e agradeceu as xestións previas que fixeron posible continuar captando recursos comunitarios. “Un espazo degradado, que antes era un eucaliptal pouco produtivo, converteuse nun pulmón verde para a práctica deportiva e o lecer. Agora queremos dar un paso máis, eliminando rebrotes de eucaliptos e incorporando nova planta autóctona”, asegurou.

O alcalde tamén fixo referencia á posibilidade de establecer vínculos coa beira asturiana da ría para crear un cinto verde transfronteirizo. “A nosa intención é conservar e ampliar esta vía verde, mellorándoa un quilómetro e medio máis e garantido que este patrimonio natural continúe a ser un referente”, apuntou.

Segundo indicou, “trátase dun investimento que engade valor a unha zona que estaba degradada e que hoxe é fundamental para Ribadeo. O obxectivo é claro: conservar, mellorar e ampliar este espazo natural para o goce da veciñanza e das futuras xeracións”.

⚙ Configurar cookies
0.1604700088501