Ribadeo aposta pola eficiencia enerxética cun investimento de máis de 50.000 euros no parque empresarial

O Concello de Ribadeo continuará a súa aposta pola modernización e a eficiencia enerxética cun novo proxecto de mellora do alumeado público no parque empresarial, que suporá un investimento de máis de 50.000 euros. Así o anunciou este xoves o alcalde, Dani Vega, quen destacou que esta actuación forma parte dun plan global para revitalizar o tecido industrial e favorecer o aforro enerxético no municipio.
Vega explicou que “seguimos xestionando moitas subvencións, convenios e recursos para que Ribadeo siga avanzando. Neste caso, máis de 50.000 euros que se destinarán á mellora da eficiencia enerxética do alumeado público do parque empresarial. Imos substituír a vella luminaria e actuar desde un punto de vista de aforro e eficiencia enerxética en todo o recinto”.
O rexedor incidiu en que “se trata dunha inversión importante, que permitirá implantar unha iluminación pública máis eficiente e adaptada á normativa actual”. Engadiu tamén que “volvemos investir, volvemos xestionar orzamento, e queremos seguir traballando na mellora integral do parque empresarial”.
O alcalde lembrou que, durante anos, “este parque empresarial estaba practicamente abandonado desde todos os puntos de vista. Non había unha xestión que facilitase a venda ou ocupación das parcelas, pero agora, co novo prezo que pasa de 74 a 35 euros por metro cadrado, xa hai tres empresas que se van establecer”.
Ademais, Vega avanzou que o Concello tamén actuará na mellora das beirarrúas e noutras infraestruturas do polígono, “que estaban moi deterioradas”.
Para o mandatario ribadense, todas estas medidas forman parte “dun traballo constante e paulatino, que demostra que estamos a xestionar moito orzamento e esforzo para que Ribadeo siga avanzando e consolidándose como un municipio atractivo para o investimento empresarial”.