Ribadeo amañará varios camiños municipais

AMariñaXa
O Concello de Ribadeo acomete obras de amaño de camiños a núcleos que estaban moi deteriorados cun investimento supera os 120.000 euros.
27 Feb 2021

O Concello de Ribadeo acomete obras de amaño de camiños municipais a núcleos que estaban moi deteriorados. O investimento supera os 120.000 euros. Así acometeranse actuacións estes días en Couxela, Cedofeita, As Anzas, Vilela, Ove e A Devesa.

O alcalde ribadense, Fernando Suárez, anunciou que “nestes días están comezando unha serie de amaños de camiños municipais de acceso a núcleos que actualmente se atopan moi deteriorados. Imos actuar, como sempre, en parroquias da costa e do interior, seguindo as suxestións que nos foron dando as diferentes asociacións de veciños e veciñas”.

O rexedor explicou que “para iso solicitamos e adxudicamos, baixo o Plan Único de 2020 entre o Concello e a Deputación de Lugo, unha serie de actuacións importantes, en aglomerado asfáltico principalmente, que nesta nova remesa de actuacións corresponderán a Couxela, no lugar da Igrexa; a Cedofeita, no lugar de Queixoiro; no núcleo de As Anzas, correspondente a unha primeira fase; no núcleo de Vilela, na parroquia de Covelas; en Ove, no lugar da Igrexa; e nos núcleos da Rochela e de Cinxe, na parroquia da Devesa”.

Suárez Barcia sinalou que “estas actuacións teñen un importe de proxecto que supera os 120.000 euros e foron adxudicadas á empresa Asfalgal, a través do procedemento de licitación aberto. Nestes días, se o tempo o permite, estaremos cos traballos previos de acondicionamento, na limpeza de gabias e obras de fábrica previas ao aglomerado destes viarios. Posteriormente ao aglomerado, como estamos a facer nos últimos anos, tamén se procederá ao pintado das liñas laterais, á sinalización vertical e á colocación de regos de zahorra compactada polas beiras a fin de evitar desprazamentos ou accidentes con vehículos de dúas rodas”.

O alcalde engadiu que “todas estas actuacións, importantes en extensión e en contía de diñeiro público, non resolven evidentemente as necesidades que ten o sistema viario das parroquias do noso concello, aínda que é certo que van axudando a reducir o número de camiños en mal estado. Polo que tamén, ao longo deste ano que agora empeza, habemos seguir actuando na medida das nosas posibilidades, pero con toda a intensidade e con toda a determinación, en todo este ámbito”.

0.16658020019531