Ribadeo agarda que a Xunta se pronuncie sobre o arranxo da estrada de Os Garitos

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O alcalde, Fernando Suárez, referiuse ao arranxo da estrada de Os Garitos.
1 Sep 2020

O alcalde, Fernando Suárez, referiuse ao arranxo da estrada de Os Garitos. O rexedor dixo que o que espera desespera, en alusión á proposta realizada polo PP e aos acordos unánimes adoptados nos plenos da Corporación Municipal requiríndolle á Xunta a firma dun convenio para o financiamento desa obra. Suárez Barcia asegurou que o Concello xa dispón dos terreos necesarios para proceder á súa ampliación, pero aínda así segue pendente da resposta da administración galega.

O rexedor manifestou que “hai un dito moi célebre que di que o que espera desespera, e é algo que nos está pasando en Ribadeo, desde hai bastantes meses, cun vial moi importante, o dos Garitos. Este vial vai paralelo á vía de Feve, comunica a estrada da Deputación con outra  estrada municipal, é saída de moitísimos camións de madeira, e desde hai anos todo o mundo acreditamos que é un sitio perigoso, que necesita ser amañado e ampliado, ata o punto de que as obras que se teñen que facer aí son moi importantes e cuantiosas”.

O alcalde ribadense engadiu que “digo todo isto porque o Partido Popular de Ribadeo, que sempre está poñendo o dedo na chaga e que ademais é o que ten que facer porque é a oposición, suxeriu que a Xunta de Galicia podería financiar toda esta obra tan importante. Tal é así que no pleno da Corporación, en febreiro deste ano, acordamos unanimemente requirir da Consellería de Medio Ambiente un convenio extraordinario para poder financiar estas obras. Mentres tanto desde o Concello buscamos a saída legal, e atopámola finalmente, dado que os terreos polos que pasa ese vial non son municipais senón que son de Adif. Conseguimos unha concesión a un moi longo período de tempo e que nos permite ter a dispoñibilidade dos terreos para poder facer as obras de mellora, de ampliación, etc… Pero as obras non as podemos facer se non temos os cartos”.

Fernando Suárez explicou que “desde aquela foi pasando o tempo e fomos mandando escritos á Xunta para que se pronunciara. Finalmente nun pleno, a principios deste verán, volvemos unanimemente a esixir da Xunta de Galicia que se manifestara dándolle de prazo ata mediados de agosto porque para cumprir as querencias do Partido Popular de Ribadeo tiña que estar licitada este ano, para poder facelo canto antes, porque senón non podemos cumprir aquilo que o Partido Popular de Ribadeo nos pide”.

O rexedor engadiu que “mandamos de novo ese requirimento formal, estamos a 1 de setembro e seguimos sen saber nada. Evidentemente, por moitos terreos que teñamos, por moito proxecto que teñamos, se non temos os cartos… tal e como dixeron que non había haber problema en financiar esa obra. Polo tanto todo isto demostra que unha cousa é falar, dicir que se vai facer e logo despois vese ás claras que pasa o tempo e outra vez é unha frustración. Oxalá me equivoque e, a raíz destas declaracións, mañá a Xunta de Galicia xa nos diga que, senón todo, vai financiar parte desta obra polo menos”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17695689201355