Ribadeo activa un agosto cheo de ocio xuvenil para todas as idades

O Concello de Ribadeo pon en marcha en agosto un completo calendario de actividades dirixidas á mocidade do municipio, no marco do programa Mocidade Ribadeo 2025. As propostas abranguen desde campamentos e colonias ata noites deportivas e festas na praia, con especial atención á conciliación familiar e á promoción da vida activa entre a rapazada.
Un dos pratos fortes serán os campamentos na Casa do Queixo Grixalba, no concello coruñés de Sobrado dos Montes. O Grupo I, formado por mozos e mozas nados en 2011, 2012 e 2013, xa participou a comezos de xullo, mentres que o Grupo II, con mocidade de 2007 a 2010, gozará da súa quenda entre o 21 e o 28 de agosto. A experiencia inclúe tiro con arco, kaiak, xogos cooperativos, excursións, actividades de igualdade, piscina e veladas nocturnas.
Tamén no mes de agosto continúan as Noites Activas, con propostas nocturnas para maiores de 12 anos en instalacións municipais. Os días 5, 6 e 7 de agosto celebrarase un torneo de baloncesto, e do 11 ao 14 de agosto será a quenda do Lasertag, unha das actividades máis demandadas. As sesións terán lugar no pavillón e na pista multideporte, con entrada libre previa inscrición na Casa da Xuventude.
Outra cita esperada será a festa acuática na Praia dos Bloques, programada para os días 18, 19, 20 e 21 de agosto, con inchables e tobogáns xigantes dispoñibles en horario de mañá e tarde. A actividade é totalmente gratuíta e non require inscrición previa, agás o 18, que será en horario de tarde.
Ademais, as colonias urbanas para nenos e nenas de 4 a 12 anos, que xa comezaron en xullo, esténdense ata o 1 de agosto, ofrecendo xogos, talleres e apoio á conciliación laboral e familiar.
Todas estas actividades enmárcanse no proxecto Corresponsables, financiado pola Xunta de Galicia e o Goberno do Estado, e contan coa colaboración de entidades como Ciber Voluntarios e o propio Concello de Ribadeo. As inscricións e información poden formalizarse a través da Casa da Xuventude.