Ribadeo activa o seu Plan de Salvamento para un verán seguro nas praias

Ribadeo puxo en marcha este xoves o seu Plan de Salvamento e Seguridade para a tempada estival e izou, un ano máis, a bandeira azul na praia das Catedrais, símbolo da súa excelencia ambiental e de servizos. O acto contou cunha ampla representación dos corpos e entidades implicadas na seguridade e atención ao visitante, entre eles socorristas, técnicos sanitarios, persoal de limpeza, operarios de obras, Policía Local, Garda Civil, Protección Civil, así como membros do equipo de goberno local e a presidenta da asociación de comerciantes Acisa.
O alcalde, Dani Vega, explicou que o municipio “xa conta cun plan específico de seguridade para facer fronte ao incremento poboacional que se produce nos meses de verán”. Segundo subliñou, o obxectivo é garantir que Ribadeo sexa un lugar seguro tanto nos seus areais como nas rúas e nos numerosos eventos que acolle: “É fundamental a colaboración entre administracións e corpos de seguridade para coordinar os medios dispoñibles e ofrecer un servizo eficaz”, asegurou.
O rexedor destacou tamén o esforzo realizado polo Concello para dotar de persoal cualificado o servizo de salvamento: “Ribadeo foi o único municipio que organizou un curso de socorrismo gratuíto, o que nos permite contar cun cadro de profesionais 100 % acreditado. Ademais, ampliamos os meses de contratación a tres e melloramos as condicións salariais do persoal”. A campaña abranguerá desde o 15 de xuño ata o 15 de setembro e contará con 14 socorristas e 3 técnicos sanitarios.
A Policía Local, a Garda Civil e Protección Civil tamén forman parte deste dispositivo de seguridade, que terá presenza tanto nas praias como nos espazos urbanos, cunha atención especial durante as celebracións e actividades culturais e festivas do verán ribadense. “Fixemos un bo traballo de planificación durante os últimos meses e seguiremos traballando para manter ese Ribadeo seguro que todos queremos”, afirmou Vega.
Durante a presentación, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, agradeceu o convite do alcalde e desexou “un bo verán para todos”, ao tempo que fixo un chamamento á cidadanía e aos turistas para que respecten as indicacións dos profesionais do servizo de salvamento e coiden o medio ambiente: “Temos paraxes naturais espectaculares e un patrimonio que debemos preservar. Recibiremos milleiros de visitantes e atenderémolos da mellor maneira posible desde os nosos negocios”.
O acto concluíu co izado simbólico da bandeira azul na praia das Catedrais, que un ano máis revalida este distintivo europeo de calidade. A tradicional foto de grupo puxo o broche final a unha mañá centrada na seguridade e no compromiso colectivo coa protección das persoas e do entorno natural de Ribadeo.