Ribadeo acometerá obras de mellora en dous pavillóns cun investimento superior aos 283.000 euros

AMariñaXa
O Concello licitará proximamente as actuacións nos recintos deportivos de Cubelas e da rúa Alfredo Deaño, que levaban anos en estado de abandono
Ribadeo-visita-pavillon-alfredo-deano
22 Apr 2025

O Concello de Ribadeo anuncia a inminente licitación de importantes obras de rehabilitación en dous pavillóns deportivos do municipio: o de Cubelas e o situado na rúa Alfredo Deaño. O investimento total previsto supera os 283.000 euros, cun obxectivo claro: recuperar espazos clave para o deporte e a convivencia veciñal.

O alcalde, Dani Vega, sinalou que “nos vindeiros días sacaremos a licitación a intervención no pavillón da rúa Alfredo Deaño, que levaba anos literalmente abandonado”. Trátase dunha actuación integral que inclúe a renovación da cuberta, a reparación dos laterais e o acondicionamento interior completo do edificio. “Imos retirar falsos teitos, cambiar carpinterías danadas polas filtracións constantes, levantar azulexados, executar novas soleiras de formigón e substituír a vella carpintería acristalada, que está rota. Tamén colocaremos novas estruturas metálicas, tabiques e locais, modernizando todo o inmoble, incluídas as portas de emerxencia, que levan pechadas con caravillóns, algo inaceptable en termos de seguridade”, detallou Vega.

Esta primeira intervención conta cun orzamento de 183.939,74 euros. Paralelamente, tamén se licitarán as obras de mellora no pavillón de Cubelas, cun investimento próximo aos 100.000 euros. Neste caso, substituiranse os peches laterais de lona por muros de bloque, máis seguros e duradeiros. Ademais, instalaranse portalóns para facilitar o uso multidisciplinar da infraestrutura, que poderá albergar tanto actividades deportivas como eventos veciñais.

“O pavillón de Cubelas vai ser un espazo multiúsos para o deporte e a vida comunitaria”, afirmou o rexedor. Tamén se reparará o cerramento metálico da cuberta e dos laterais, e rehabilitarase o pavimento interior, con traballos de pintado e mellora estética.

Para Vega, trátase de “dúas obras moi demandadas dende hai tempo pola veciñanza”. O alcalde explicou que, unha vez no goberno, o equipo municipal centrouse en buscar financiamento, redactar os proxectos e avanzar cara á súa execución. “Cando estabamos na oposición dicíamos que había que actuar nas instalacións deportivas, e agora, gobernando, facémolo. Pero tamén é importante manter, conservar, para non ter que afrontar investimentos tan elevados no futuro”, subliñou.

O alcalde concluíu destacando o compromiso do executivo local coa mellora e o mantemento das instalacións públicas: “estamos a investir para solucionar problemas herdados e garantir espazos dignos para todos, pero tamén asumimos a responsabilidade de coidalos e preservalos no tempo”.

⚙ Configurar cookies
0.16107416152954