Ribadeo acometerá melloras nos locais sociais das Anzas, Remourelle, Ove e no Círculo Habanero da Devesa

O Concello de Ribadeo anunciou unha serie de actuacións de mellora en varios locais sociais do municipio, grazas a unha subvención concedida pola Xunta de Galicia. Os beneficiarios serán os espazos das Anzas, Remourelle, Ove e tamén o Círculo Habanero da Devesa.
O alcalde, Dani Vega, explicou que estas intervencións teñen como obxectivo “mellorar e acondicionar os locais sociais en colaboración coas asociacións veciñais, espazos fundamentais para a convivencia e a actividade comunitaria”.
No caso das Anzas, o proxecto inclúe a retirada da escaleira exterior que provocaba filtracións de humidade, a reparación das paredes interiores, a eliminación de barreiras arquitectónicas e a instalación dunha estufa de pelets. O orzamento ascende a 11.978 euros. “É un espazo que utilizan veciños e colectivos de Ribadeo, polo que era necesario poñelo en condicións”, apuntou Vega.
En Remourelle, as actuacións centraranse no acondicionamento da finca exterior de 230 metros cadrados, que se converterá nun aparcadoiro, así como na dotación de novo equipamento para o local: mesas, bancos, armarios e estanterías.
O Círculo Habanero da Devesa tamén será obxecto dunha intervención integral. Os traballos inclúen a eliminación de barreiras arquitectónicas, a construción de ramplas de acceso, melloras nos teitos, arranxo do escenario da planta baixa, así como renovación da instalación eléctrica e de fontanería. Ademais, realizarase unha pintura xeral do edificio, cun investimento que supera os 8.000 euros, e engadirase novo equipamento.
Finalmente, no local social de Ove prevese selar unha porta que ocasionaba problemas de humidade e frío, substituíndoa por unha ventá, ademais de reforzar a potencia eléctrica para facilitar a instalación de calefacción.
Segundo destacou o rexedor, estas actuacións en diferentes parroquias responden a “un obxectivo prioritario do Concello, que é mellorar os locais sociais e traballar da man das asociacións veciñais para que dispoñan de espazos cómodos e adecuados para desenvolver as súas actividades”.