Ribadeo acolleu unha xuntanza da Comisión de Políticas Integrais de Discapacidade

AMariñaXa
O alcalde, Dani Vega, agradeceu a colaboración de Cogami no asesoramento para mellorar a accesibilidade en Ribadeo
FEMP-a-Saúde-Mental-A-Mariña-en-Ribadeo
15 Xuño 2024

O salón de plenos do Concello de Ribadeo acolleu unha xuntanza da Comisión de Políticas Integrais de Discapacidade da Federación Española de Municipios e Provincias. É a primeira reunión que esta comisión celebra fóra de Madrid.

O alcalde, Dani Vega, agradeceu a colaboración de Cogami no asesoramento para mellorar a accesibilidade en Ribadeo. O alcalde de Ribadeo e vicepresidente da Comisión de Políticas Integrais de Discapacidade, Dani Vega, declarou que “queremos darlle a benvida á Federación de Municipios e Provincias de toda España que viñeron aquí a Ribadeo, concretamente á Comisión de Políticas Integrais de Discapacidade. Para Ribadeo vicepresidir esta Comisión é toda unha honra, pero que a primeira reunión que fai esta Comisión fora de Madrid e que sexa en Ribadeo é motivo de orgullo, de satisfacción, de que Ribadeo está abrindo as portas constantemente a todas as administracións, a todos os colectivos e tamén a todas as federacións, neste caso á Federación Española de Municipios e Provincias”.

O rexedor contou que “o que se fixo aquí hoxe foi analizar, mellorar para avanzar nas políticas de integración. Analizar, mellorar e avanzar significa dar pasos en firme. Tanto a Federación, que está traballando e impulsando propostas para o Congreso, para o Senado, para os Concellos, para as provincias, estamos traballando conxuntamente para que esas políticas de mellora para as persoas que teñen certas dificultades, que se lles faga o día a día máis para eles”.

Vega lembrou que “o Concello de Ribadeo tamén está dando pasos moi importantes. Estou falando de mellorar todos os edificios municipais. Cando falamos de mellorar, estamos dicindo de mellorar a accesibilidade. Por exemplo, na Escola de Música, onde vamos eliminar esas barreiras arquitectónicas, vamos construír un ascensor e tamén melloraremos ese acceso lateral para que se poida acceder con total tranquilidade, que poidas chegar ao ascensor e subir á planta superior. E tamén ten unha accesibilidade a esa planta de ensaio, á planta baixa. Creo que empezar pola Escola de Música, despois seguir mellorando El Viejo Pancho, a Biblioteca Municipal, pouquiño a pouco vamos avanzar”.

O alcalde ribadense dixo que “os recursos económicos son limitados, debemos xestionar primeiro colaboracións institucionais e despois investir. Iso é o que estamos facendo dende o Concello. E tamén queremos dar as grazas a Cogami por asesorar, por colaborar con Ribadeo neste caso, e irnos identificando aquelas cousas que debemos mellorar. Creo que estamos dando pasos moi firmes no Concello de Ribadeo. E tamén colaborar coas distintas asociacións, concretamente con Saúde Mental da Mariña, onde fixemos ese encargo tan especial como elaborar as cestiñas dos arrolos para darlle a benvida ao noso pobo a aqueles nenos e nenas que nacen en Ribadeo. Polo tanto, estamos tamén colaborando cos colectivos da Mariña”. E engadiu que “tamén vamos seguir avanzando no conxunto da provincia, dando pasos en firme, crendo no que estamos a facer, porque estamos a facer unha misión moi importante, unha labor moi importante, dende os principios da persoa, porque iso é o que nos move. Polo tanto, un día interesante, agradezo tanto ao presidente da Comisión de Políticas Integrais, como a todos os membros desta Comisión, que se viñeran a Ribadeo, a analizar, a mellorar para avanzar”.

O presidente da Comisión de Políticas Integrais de Discapacidade da FEMP, David Gago, manifestou: “hai unha cousa moi importante e é que desde a Federación Española de Municipios e Provincias e desde esta Comisión de Políticas Integrais de Discapacidade propuxemos que as reunións se vaian facendo nos diferentes municipios. E que mellor maneira de empezar estas reunións que facelo en Ribadeo, xa que ademais o alcalde é o vicepresidente da Comisión e nun día como hoxe, no cal a Ribadeo acábanlle de dar o premio ao municipio máis bonito de Galicia e polo que teño entendido tamén está a optar ao municipio máis bonito do mundo. É un pracer, sobre todo para os que xa coñeciamos Ribadeo como un destino de primeira orde. Eu sempre que me preguntan onde podo ir de fin de semana? Eu son de Zamora e sempre digo, pois mira, unha das opcións que tes é ir a Ribadeo, á Praia das Catedrais, a coñecer un pouquiño o mundo indiano, o mundo do modernismo, unha excelente gastronomía e toda autovía desde casa. Así que é unha recomendación sempre máxima”.

Gago indicou que “ao final é converter dalgunha maneira o territorio, aos pobos, ás cidades e neste caso a Ribadeo, na capital española do traballo municipalista das políticas integrais de discapacidade. E creo que iso é o realmente importante, o que se vai a falar hoxe aquí, o que imos discutir. Van falar e a comentar asuntos de carácter nacional, a nosa relación co CERMI, a nosa relación coa Fundación Once, como os concellos están a traballar a favor, e temos e debemos de seguir avanzando en favor das políticas integrais de discapacidade. E é unha maneira pois tamén fantástica de poder compartir con todos e de que Ribadeo convértase neste caso na capital española das políticas activas de municipalismo en favor das políticas para traballar en favor da discapacidade”.

0.20909190177917