Ribadeo acolleu un encontro de convivencia entre redeiras

AMariñaXa
Ribadeo acolleu un encontro para o empoderamento das mulleres do mar entre redeiras de Galicia, País Vasco, Cantabria e Asturias
Federacion Galega de Redeiras Artesas O Peirao
5 sep 2021

Ribadeo acolleu a xornada de convivencia Saberes no Camiño entre redeiras de Galicia, País Vasco, Cantabria e Asturias, organizada pola Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, premiada coa Medalla Castelao en 2019. 

Neste evento enxalzouse o labor destas profesionais que traballan na defensa dos dereitos das traballadoras no mar. Considerouse que “a iniciativa empresarial feminina é vital para o progreso do sector pesqueiro, especialmente nun momento no que resulta necesario sumar esforzos e aportar novas ideas”, dixeron no acto. 

A Xunta de Galicia cre necesario potenciar o desenvolvemento profesional e o empoderamento das mulleres no sector pesqueiro, por medio da implantación de procesos de modernización, a diversificación de actividades, a sustentabilidade tanto económica como ambiental e a mellora da capacitación empresarial da muller. “Trátase de poñer en marcha políticas que permitan paliar os desequilibrios económicos, sociais ou de xénero, aos que se enfrontan as emprendedoras, e que ao mesmo tempo contribúan a poñer en valor e dotar de visibilidade o traballo que elas realizan”, resaltou a secretaria xeral. 

Tal e como valorizou López Abella, o desenvolvemento profesional das redeiras de Galicia, está marcado pola súa tradición artesanal e presenza feminina.

A Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao é entidade de referencia en Galicia desde 2004 na representación dos intereses das redeiras profesionais galegas. A Xunta comparte obxectivos comúns con ela na busca de novas alternativas de emprego, na divulgación do seu traballo, na prevención de riscos laborais nas súas contornas ou na aposta pola súa diversificación económica desde a óptica da igualdade. 

Desde o ano 2009, o Goberno galego mantén liñas de colaboración coa Federación que superan a contía dos 100.000 euros. Entre outras, vense apoiando o desenvolvemento de programas específicos para mulleres, o fomento do asociacionismo e as iniciativas da entidade para a promoción da igualdade e a prevención da loita contra a violencia de xénero. 

saberes ribadeo redeiras
0.1691689491272