Ribadeo acollerá unha feira do automóbil novo e usado

AMariñaXa
Está organizada por Apaga e enmárcase no XIII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos
alvaro_doural_apaga
31 Xul 2024

Ribadeo acollerá unha feira do automóbil novo e usado os días 31 de agosto e 1 de setembro. Está organizada por Apaga e enmárcase no XIII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos. Seis firmas teñen confirmada xa a súa presenza. Esta é unha das novidades do Fórum, que arrincará o 28 de agosto, nas instalacións de Apaga.

O seu presidente, Álvaro Doural, contou que o programa do Forum xa está listo. “Neste caso, como todos os anos, sempre reservamos un número de prazas para xente que non é socio noso, para persoas interesadas no mundo do motor. Xa están dispoñibles, é dicir, calquera persoa que queira vir ao Fórum o único que ten que facer é vía web, a través de www.apaga.es anotarse”.

En principio, “hai sobre 10 e 15 prazas que están dispoñibles neste momento e están abertos a toda axente que queira, desde alumnos, profesionais do sector, interesados no mundo do motor, xubilados…Todo é gratis, non lle vai custar nada a ninguén. Entón se eses días queren unirse á nosa actividade pois encantados e benvidos”. Medio cento de persoas teñen xa confirmada a súa asistencia ao XIII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos.

Doural anunciou que “este ano imos facer unha experiencia nova a petición dalgunhas empresas que nos dixeron se se podía organizar unha feira do vehículo novo e usado. Entón o Concello de Ribadeo xestionounos o porto, onde está a lonxa, será naquela zona. O día 31 de agosto e o 1 de setembro van estar dedicados á feira de vehículo novo e de segunda man. Hai distintas empresas xa que están dispostas a participar, pero tamén imos deixar un espazo para aqueles particulares que queiran vender o seu coche. Se unha persoa quere vender o seu automóbil, alí pode presentalo no espazo habilitado para este fin. Esta feira será un pouco o colofón do Fórum”.

O presidente de Apaga subliñou que “vai ser un espazo aberto, ao que todo o mundo poida vir. Vamos ver se conseguimos empresas de servizos, como foodtrucks e outro tipo de xente que participa nas feiras, que estean interesados en estar alí presentes tamén contaremos cun espazo para eles. Os custes van ser moi pequenos, practicamente insignificantes. Imos facer un esforzo importante nesta ocasión para poñer en marcha este evento”.

Doural engadiu que “as empresas do sector do automóbil que estean interesadas en sumarse a esta feira o único que teñen que facer é poñerse en contacto con Apaga ao igual que as firmas de servizos coas que agardamos poder contar”.

0.12959098815918