Ribadeo acollerá un novo campus de hóckey con actividades deportivas e de lecer para medio cento de nenos

LugoXa | AMariñaXa
A cita, organizada polo CHL Meigas entre o 29 de xuño e o 5 de xullo, contará con adestradores internacionais e propostas como surf, xogos nocturnos e xornadas na praia
Hockey-linea-patines-lugo-CHL-Meigas
14 Jun 2025

O deporte volverá ser protagonista en Ribadeo coa celebración dunha nova edición do campus de verán do CHL Meigas, que terá lugar do 29 de xuño ao 5 de xullo. Un total de 50 rapazas e rapaces nados entre os anos 2009 e 2016 participarán nesta experiencia deportiva e lúdica, na que o hóckey será o eixo central, pero acompañado doutras actividades como xornadas na praia, sesións de surf e noites de xogos.

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, destacou a calidade do campus e valorou especialmente “a presenza de adestradores de primeiro nivel, como a seleccionadora de Cataluña e o seleccionador nacional de Finlandia, que achegarán coñecementos e motivación ao alumnado participante”.

Silvent agradeceu a confianza depositada en Ribadeo para acoller propostas deste tipo: “Estamos encantados de recibir campus de diferentes disciplinas ao longo do verán. As nosas instalacións deportivas son de calidade e iso convértenos nun destino atractivo para clubs de dentro e fóra da comarca. Este tipo de actividades enriquecen o verán e danlle vida ao municipio”.

O campus está promovido polo CHL Meigas en colaboración co Club de Hockey Isla Pancha, o Concello de Ribadeo e a Deputación de Lugo. Na presentación estiveron presentes o director deportivo do CHL Meigas, Alejandro Fernández; a tesoureira do Club de Hockey Isla Pancha, Begoña; e o edil ribadense Francisco José Silvent.

⚙ Configurar cookies
0.15247392654419