Ribadeo acollerá un campus oficial do Atlético de Madrid este verán

O Concello de Ribadeo e a Academia do Atlético de Madrid volven unir forzas para ofrecer un campus deportivo de verán de alto nivel, que se celebrará entre o 28 de xullo e o 9 de agosto. A inscrición xa está aberta e o evento promete ser unha oportunidade única para os rapaces e rapazas da comarca interesados no fútbol.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, explicou que o campus se dividirá en dúas quendas: a primeira desenvolverase do 28 de xullo ao 2 de agosto, e a segunda do 4 ao 9 de agosto. As actividades realizaranse de luns a sábado, en horario de 9:30 a 14:00 horas, e está dirixido a nenos e nenas de entre 5 e 16 anos.
Cada participante recibirá unha valoración técnica personalizada, equipamento oficial do campus, un diploma acreditativo e tamén fotografías e recordos da súa experiencia. Ademais, co fin de facilitar a participación de mozos de diferentes localidades, habilitarase un servizo de autobús gratuíto con dous percorridos: un entre Foz e Ribadeo, pasando por San Cosme de Barreiros e San Miguel de Reinante; e outro desde La Caridad, facendo paradas en Valdepares, Tapia, Figueras, Barres, Castropol e Vegadeo.
A actividade será conducida por adestradores e responsables da Academia do Atlético de Madrid, con ampla experiencia no adestramento de base e profesional. O obxectivo é potenciar o talento de cada xogador ou xogadora nun entorno seguro e de aprendizaxe. Traballaranse aspectos técnicos e tácticos, tanto individuais como colectivos, coa axuda de ferramentas específicas para a progresión do alumnado.
Silvent salientou que este campus “é unha ocasión excelente para que os rapaces se inicien ou progresen no deporte rei ao tempo que fan novas amizades, se divirten e aprenden valores como o compañeirismo, o esforzo e o respecto”.