Ribadeo acollerá o Camiño Norte Fest, unha noite de música e espectáculo o 2 de abril

O municipio de Ribadeo xa prepara unha das súas grandes citas musicais do ano: o Camiño Norte Fest, organizado pola Comisión de Festas e programado para o xoves 2 de abril. A entidade anima á veciñanza e ao público da contorna a reservar a data para desfrutar dunha noite que cualifican como “única”, cun formato renovado e un espectáculo pensado para todos os públicos.
O festival reunirá sobre o escenario a Orquesta Panorama, que chegará a Ribadeo dentro da súa nova xira, un dos shows máis esperados do panorama musical galego. O evento contará tamén coa presenza do DJ Alejandro Martínez, que aproveitará a ocasión para estrear o seu novo escenario, unha das novidades máis destacadas desta edición.
A proposta completarase coa actuación do DJ Litainer, encargado de pechar a xornada con unha sesión pensada para manter o ambiente no seu punto máis alto ata o final da noite. Desde a organización sinalan que o obxectivo é ofrecer “unha velada pensada para compartir e para gozar en comunidade, combinando música, ritmo e diversión”.
A Comisión de Festas adiantou que nos próximos días se dará a coñecer a información relativa aos puntos de venda e á venda anticipada de entradas, coa intención de facilitar ao máximo o acceso ao público e garantir unha alta asistencia nesta nova edición do Camiño Norte Fest.