Ribadeo acollerá en xuño a concentración moteira 12+1 cun completo programa de actividades

A vila de Ribadeo converterase a finais de xuño nun punto de encontro para os afeccionados ao mundo do motor coa celebración da concentración moteira 12+1, un evento que reunirá a numerosos participantes durante tres días cun programa cheo de actividades. A cita desenvolverase os días 26, 27 e 28 de xuño, combinando convivencia, música, rutas e exhibicións relacionadas co universo das motocicletas.
Un dos elementos destacados da concentración será a zona de acampada gratuíta, habilitada no colexio Gregorio Sanz, que contará con espazos cubertos, área exterior e servizo de duchas para facilitar a estancia das persoas participantes ao longo da fin de semana.
A programación arrancará o venres 26 de xuño coa apertura das inscricións ás 18:00 horas. Xa pola noite celebrarase a cea na carpa para os inscritos ás 21:30 horas, seguida da actuación do Grupo Samba ás 23:00 horas e dun concerto da banda The Goodmen, previsto para a 01:00 da madrugada.
O sábado 27 de xuño comezará cun almorzo na carpa entre as 09:30 e as 10:30 horas, reservado ás persoas inscritas. Ás 11:00 horas reabriranse as inscricións acompañadas dunha caña de benvida, mentres que ás 11:30 horas terá lugar unha ruta turística libre con pincho. Pola tarde, ás 15:00 horas, ofrecerase un novo pincho para os participantes inscritos.
Un dos momentos máis singulares da xornada será a charla de Julio Álamo ás 17:00 horas, titulada “Toro en moto y un viaje que no estaba escrito”. Posteriormente, ás 18:30 horas, desenvolverase unha exhibición de stunt a cargo de Cajó Stunt Rider. A xornada continuará coa cea moteira ás 21:30 horas no colexio Gregorio Sanz, servida polo catering La Allandesa.
Xa entrada a noite, o ambiente festivo trasladarase ás rúas coa celebración dun desfile de antorchas ás 00:00 horas, seguido dun segundo pase da exhibición ás 00:30 horas. A partir da 01:30 horas haberá discoteca móbil con Chamera DJ, e ás 02:30 horas terá lugar unha queimada acompañada de sorteos e outras sorpresas.
A concentración rematará o domingo 28 de xuño cun programa máis relaxado. O día comezará cun almorzo na carpa entre as 09:30 e as 10:30 horas, seguido dunha ruta turística libre con pincho ás 11:30 horas. Ás 13:00 horas realizarase a entrega de trofeos e sorteos, mentres que ás 14:30 horas terá lugar a comida de despedida no colexio Gregorio Sanz, tamén a cargo do catering La Allandesa. O evento concluirá oficialmente ás 16:00 horas coa despedida dos participantes.
A organización sinala que as inscricións son limitadas e teñen un prezo de 50 euros por persoa. O paquete inclúe diversos elementos e servizos como camiseta oficial, pegatina, vaso oficial, pinchos das xornadas do venres e sábado, cea do sábado, comida do domingo, mochila, cervexa de benvida e queimada.
As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición mediante transferencia bancaria e confirmar a participación enviando o xustificante a través de WhatsApp á organización.