Ribadeo acollerá as XVII Xornadas Mar por Medio

AMariñaXa
A Academia Xacobea e a Xunta de Galicia presentan o programa das XVII Xornadas Mar por Medio do Concello de Ribadeo
xornadas mar por medio ribadeo 2022
2 Ago 2022

O secretario xeral de Política Lingüítica, Valentín García, e o presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou, presentaron a programación das XVII Xornadas Mar por Medio, que se desenvolverán en Ribadeo entre o 16 e o 18 de setembro.

Unhas Xornadas que durante moitos anos valeron para a proxección, análise, debate e estudo do que é a Galicia contemporánea; fundadas polo que foi director do Centro de Estudos Galegos na Universidade de Oxford, John Rutherford, e que vinculou a este concello singular da mariña lucense aos máis altos especialistas na visión e no estudo pormenorizado de moitísimas temáticas diferentes.

O secretario xeral destacou que “tras un parón bastante máis grande do desexable, desde a Xunta de Galicia decidimos apoiar a reedición desta cita que durante o verán vai ser a que analice o feito xacobeo, os camiños de Santiago, e para iso puxémonos en contacto e colaboración coa Academia Xacobea”. Así salientou o labor da Academia “quen desde un primeiro momento toma a dirección destas xornadas, e coa colaboración de operadores locais de Ribadeo e a Universidade de Santiago, e a adhesión da Deputacion de Lugo e o Concello de Ribadeo fai posible que esteamos presentando unhas xornadas que cremos van ter unha gran aceptación, que contemplan moitos puntos de vista do Xacobeo”. 

García afirmou que ademais desta temática que ten que ver cos camiños, cos peregrinos, haberá momentos para o lecer como é a actividade musical e tamén para facer unha referencia a unha poetisa ribadense da que este ano celebramos o seu centenario Luz Pozo Garza, a importancia da súa figura e da súa persoa estará presenta tamén nestas xornadas

Pola súa banda, Xesús Palmou amosouse “honrado de que a Academia que preside lidere a organización” destas Xornadas Mar por Medio, dacordo coa Xunta de Galicia, e a Universidade, coa colaboración ademais da Deputación de Lugo e o Concello de Ribadeo, “posto que entra dentro dos obxectivos e fins fundacionais da nosa Academia que son a investigación, estudo, promoción e divulgación do Camiño de Santiago”.

Unha xornadas, engadiu, “nas que se analizan diversos aspectos do Camiño de Santiago e o fenómeno Xacobeo en xeral”, coa participación de catedráticos de diferentes universidades, Académicos entre os que se atopa o Deán da Catedral de Santiago, D. José Fernández Lago, e persoas expertas en cada un dos temas que se van tratar, como poder ser a xornalista Esther Eiros no eido da comunicación. Ademais dentro das diversas actuacións musicais cabe destacar a intervención de María do Ceo.

O programa das xornadas, que terán lugar entre o 16 e o 18 de setembro en Ribadeo, está xa completamento pechado e, a día de hoxe, 10 días despois da apertura de incricións, hai xa 40 persoas apuntadas e poden seguir facéndoo a través da web www.AcademiaXacobea.gal

Pola súa banda, o ribadense Manuel Balín, membro do comité científico das xornadas Mar por Medio, agradeceu á Academia Xacobea e á Xunta de Galicia que tivesen “a delicadeza de recuperar unhas xornadas que realmente formaban do buque insignia da programación cultural que tiña o concello daquela e que se deixou de organizar coa conseguinte perda para a programación cultural ribadense”. Calificou ademais de “excepcional” o programa confeccionado para a recuperación das xornadas que volven ao grande.

0.20732378959656