Ribadeo acollerá a segunda edición do RibaXogo
Ribadeo acollerá a segunda edición do RibaXogo. Será do 23 de decembro ao 8 de xaneiro na gran carpa instalada no parque de San Francisco. Os tíckets para acceder poderán conseguirse en comercios, en establecementos hostaleiros e de servizos, en calquera micropeme ou pequena empresa de Ribadeo, de calquera sector, despois de ter feito unha compra ou de ter consumido por un importe superior a 5 euros.
Esta iniciativa chega, por segundo ano a Ribadeo para desfrutar do Nadal dun xeito diferente e tamén para animar as vendas e dinamizar o comercio local, precisamente nestes momentos de maior actividade.
En RibaXogo haberá numerosas atraccións para nenos e rapaces de todas as idades: haberá surf interactivo, rodeo e barre-roko, tren… haberá sempre seis actividades en marcha, algunhas serás fixas, é dicir estarán todos os días e outras irán cambiando. E contarán con ludoteca na que se desenvolverán diferentes tipos de obradoiros.
Ao RibaXogo hai que sumarlle toda a programación de Nadal organizada polas Concellarías de Cultura, Deportes e Mocidade, entre outras. Neste caso as actividades para as máis pequenas e os máis pequenos arrincan este domingo pola tarde, coa visita da Apalpadora; teremos un ciclo de Cine no Nadal do 26 ao 29 de decembro; haberá actividades deportivas e xornadas lúdicas no pavillón; haberá teatro e tamén se celebrará a XXXII San Silvestre.
Pola carpa do RibaXogo pasarán Papá Noel o 24 de decembro pola mañá e o Apalpador o 31 de decembro tamén pola mañá. Todas aquelas nenas e nenos que queiran velos, fotografarse con eles, conversar, etc… o único que teñen que facer é achegarse pola carpa de 12 a 14 horas eses dous días.
A entrada ao RibaXogo é de balde, o único que se debe presentar para acceder é o tícket que lles darán nas empresas, de calquera sector, que se adhiran a esta iniciativa. As asociadas e os asociados a Acisa Ribadeo súmanse na súa totalidade e logo as demais empresas o que teñen que facer é achegarse ata o 23 de decembro polas oficinas de Acisa en horario de 9:30 a 14:00 horas para recoller os tíckets, que despois distribuirán entre a súa clientela. E do 23 de decembro en adiante os tíckets estará á súa disposición na Área de Desenvolvemento Local do Concello no mesmo horario.
Estará aberto todos os días desde o 23 deste mes ata o 8 de xaneiro, excepto o 25 de decembro, o 1 e o 6 de xaneiro. xaneiro. Unha das novidades deste ano é que o 8 de xaneiro farán unha xornada de libre acceso, é dicir non fará falla presentar tícket.