Ribadeo acollerá a primeira edición da Troula Rayista cunha fin de semana chea de festa, música e solidariedade

O parque ribadense de San Francisco converterase os días 27, 28 e 29 de xuño no epicentro da primeira edición da Troula Rayista, unha celebración organizada polo equipo Rayo Ribadeo Veteranos que mestura festa, gastronomía, música e compromiso social nun ambiente aberto e familiar.
A programación arrinca o venres 27 ás 19:00 horas e prolongarase ata o domingo 29 ás 17:00 h, con actividades continuadas durante todo o sábado ata a 1:00 da madrugada.
O evento ofrecerá múltiples atractivos para todos os públicos: unha ampla variedade de foodtrucks —con propostas como comida mexicana ou patacas asadas—, mercado artesanal con produtos locais, barra con bebidas, tetería e coctelería. Os máis pequenos poderán desfrutar de inchables e de dous pases do Mago Charly: o sábado ás 19:30 h e o domingo ás 12:30 h.
No apartado musical, a Troula contará con sesións do DJ da Casa (venres e sábado a partir das 20:00 h), co grupo de música tradicional Pandereteiros do Inferno (sábado ás 13:30 h) e coa banda Sintético Fantástico, de Vegadeo, que actuará o sábado ás 22:00 h.
A vertente solidaria será outro dos piares centrais da festa. Parte da recadación da barra destinarase á Asociación Charcot-Marie-Tooth España, entidade que traballa coas persoas afectadas por esta enfermidade neuromuscular pouco común, e que ten unha nena veciña de Ribadeo entre os seus casos. A asociación disporá tamén dun posto informativo durante os tres días.
Desde a organización fan un chamamento a toda a comarca para sumarse a esta cita pensada para desfrutar en familia, valorando a colaboración de entidades e empresas locais que fan posible o evento, como o Concello de Ribadeo, Mercados Asturias, Diego Dedora, Costume Tattoo, Delira, Aportanorte, Adriana Janeiro e Seijo Veiguela Obras e Servizos.