Ribadeo acolle unha nova charla sobre Soberanía Dixital e o uso de Linux na casa

A Biblioteca Pública Municipal de Ribadeo «El Viejo Pancho» acollerá o próximo 28 de marzo, ás 17:30 horas, a terceira edición de Soberanía Dixital: Linux para a casa, unha iniciativa impulsada polo colectivo amarinha.gal. O obxectivo é achegar ao público en xeral o manexo e as vantaxes dun sistema operativo libre, que permite unha maior independencia e control sobre os dispositivos electrónicos.
A xornada incluirá unha charla introdutoria, unha rolda de preguntas e unha demostración práctica sobre o funcionamento dalgunha versión de Linux. Ademais, as persoas asistentes recibirán de agasallo un USB cunha versión instalable do sistema operativo, co fin de facilitar a súa experimentación e uso. Recoméndase levar ordenador portátil para poder realizar instalacións ou mellorar o seu manexo.
Como complemento, os participantes tamén poderán acceder a un fanzine en galego de oito páxinas en formato A5, que incluirá artigos sobre o tema tratado, ademais dunha portada e contraportada dedicadas á historia e funcionalidades de Linux.
A actividade, que se desenvolverá nos espazos da biblioteca cedidos polo Concello de Ribadeo para esta e futuras sesións do ciclo, está aberta a todas as persoas interesadas, con única limitación do aforo dispoñible.