Ribadeo acolle unha exitosa xornada de reparación dentro do ciclo Soberanía Dixital

AMariñaXa
O evento, organizado polo colectivo amarinha.gal co apoio de Enxeñería Sen Fronteiras e do propio centro educativo, contou coa participación dun grupo de 14 persoas
xonada-de-reparacion-porta-da-auga
11 Apr 2026

O CIFP Porta da Auga foi escenario este venres, 10 de abril, dunha nova actividade do ciclo Soberanía Dixital, cunha xornada de reparación inspirada no modelo dos Repair Café, que reuniu a participantes arredor da reutilización e o aproveitamento de aparellos.

O evento, organizado polo colectivo amarinha.gal co apoio de Enxeñería Sen Fronteiras e do propio centro educativo, contou coa participación dun grupo de 14 persoas. Durante a sesión traballouse na reparación de distintos dispositivos, logrando devolver á funcionalidade aparellos tan diversos como unha exprimidora, unha motoserra, unha lámpada ou un robot de limpeza.

O nivel de éxito acadado foi especialmente salientable, cunha taxa de reparación do 87,5 %, unha cifra pouco habitual neste tipo de encontros. Este resultado foi posible grazas á colaboración de voluntarios con perfís moi variados, que achegaron coñecementos en ámbitos como a informática, a electrónica, a mecánica ou mesmo a costura.

Ademais do traballo técnico, a xornada desenvolveuse nun ambiente participativo e distendido, no que non faltaron os momentos de conversa e convivencia entre as persoas asistentes, rematando a actividade antes do previsto.

Dende a organización lembraron que este tipo de iniciativas buscan promover o dereito a reparar como unha práctica clave para avanzar cara a unha sociedade máis sostible, reducindo o consumo de recursos e contribuíndo á protección do medio ambiente e á loita contra o cambio climático. Ao mesmo tempo, estas accións favorecen a creación de redes de colaboración e apoio mutuo.

O colectivo amarinha.gal anunciou a súa intención de continuar organizando novas actividades abertas relacionadas coa soberanía dixital nos vindeiros meses, aínda que polo momento non se concretaron datas.

0.12887406349182