Ribadeo acolle un curso práctico de electricidade do automóbil con tres prazas dispoñibles

A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (Apaga) organizará un curso de electricidade do automóbil os próximos 12 e 13 de abril en Ribadeo, dirixido a todo o público interesado en mellorar os seus coñecementos neste ámbito. A formación, cunha duración de 16 horas e un carácter eminentemente práctico, será impartida en horario de 10:00 a 20:00 horas.
Segundo Álvaro Doural, presidente da asociación, este curso está aberto a afeccionados ao motor, profesores, alumnos de formación profesional, estudantes universitarios e técnicos do sector. "É un curso moi práctico no que se abordarán conceptos básicos de electricidade, manexo de ferramentas como o polímetro e o osciloscopio, así como truco caseiros para localizar avarías eléctricas", destacou Doural.
Un dos obxectivos principais é ofrecer formación específica para aqueles que se están preparando para oposicións en automoción, xa que as probas prácticas inclúen o uso de dispositivos de diagnóstico e medidas eléctricas.
A inscrición permanecerá aberta ata o 9 de abril e pode realizarse por correo electrónico (apagaribadeo@gmail.com) ou teléfono (639 88 49 45). A capacidade está limitada a 8 prazas para garantir un formato práctico, permitindo que os participantes poidan utilizar os equipos e realizar probas reais. Aínda quedan 3 prazas dispoñibles.
"Este curso é unha oportunidade única, xa que ofrece unha formación que, por xeral, non se impartirá en ningunha outra parte da zona, moito menos de forma tan práctica", engadiu Doural. A formación tamén supón un complemento para os estudantes de automoción e profesionais que desexan actualizar os seus coñecementos nas novas tecnoloxías de diagnóstico.
A actividade será impartida por un ponente de recoñecido prestixio, cunha vasta experiencia na formación continua de técnicos e docentes no ámbito da automoción.