Ribadeo acolle en agosto o XIV Fórum de Innovación con expertos de Colombia e Portugal

AMariñaXa
A cita organizada por Apaga ofrecerá tres días de charlas e actividades arredor dos vehículos eléctricos, a formación profesional e a tecnoloxía internacional
formacion-profesional-automobil-APAGA-Ribadeo-2024
6 Aug 2025

Ribadeo volverá converterse en punto de encontro para o sector da automoción coa celebración do XIV Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que terá lugar do 27 ao 29 de agosto, da man da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (Apaga). Nesta edición, participarán poñentes de Colombia, Portugal e diferentes puntos do Estado, cun programa que mestura conferencias técnicas, proxectos educativos europeos e experiencias prácticas.

A xornada inicial comezará cunha charla sobre diagnose de vehículos híbridos e eléctricos a cargo de Jaime Aguado, da empresa Bosch. Tamén se presentarán os proxectos europeos nos que participa Apaga, como o relacionado co hidróxeno (THEIDE), que remata este mes. Pola tarde, os asistentes poderán gozar dunha actividade lúdica na ría de Abres, con traslado en barco ata a área recreativa.

O mércores 28 abordaranse temas como a valoración de danos (por Román Álvarez, da Escuela Nacional de Peritos), a formación profesional en Colombia, da man do profesor Giovanny Muñoz da Universidade de Bogotá, ou os incendios en baterías de coches eléctricos, nun relatorio do xornalista Álvaro Sauras, de Autofácil. Tamén participará Daniel Santos, de Melisauto Lisboa, que explicará os procesos de formación e acollida de alumnos nos seus programas de mobilidade.

O venres 29 pecharase o evento con dúas conferencias de alto nivel: José Luis Rodríguez, de BMW, falará sobre as novas plataformas de baterías, e Tomás Fernández, de Stellantis Groupe (antiga Citroën Vigo), centrará a súa intervención nos sistemas industriais da fábrica galega.

Álvaro Doural, presidente de Apaga, agradeceu o apoio das empresas colaboradoras e lamentou a falta de axuda da Deputación de Lugo. Lembrou ademais que aínda quedan 15 prazas dispoñibles, abertas a persoas vencelladas ao sector ou interesadas nalgunha temática concreta. A inscrición é gratuíta e debe realizarse a través da web www.apaga.es.

⚙ Configurar cookies
0.16055703163147