Ribadeo acolle as XX Xornadas Mar por Medio como punto de encontro arredor do Camiño de Santiago

AMariñaXa
A cita, organizada pola Academia Xacobea, reúne autoridades e expertos para reflexionar sobre a dimensión cultural, espiritual e turística do fenómeno xacobeo
RIBADEO-Xornadas-mar-por-medio-2025
20 Sep 2025

O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, participou no acto inaugural das XX Xornadas Mar por Medio, que se desenvolven en Ribadeo ata o domingo 21 de setembro baixo o lema Ribadeo, encontro de Camiños. O encontro, promovido pola Academia Xacobea, naceu hai dúas décadas da man do hispanista británico John Rutherford e consolidouse como un espazo de referencia para debater sobre o Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo en todas as súas dimensións.

“Celebramos vinte anos dun proxecto que conseguiu situar a Mariña como lugar clave para analizar a historia do Camiño, o seu valor cultural e espiritual, e tamén o seu papel como canle de unión entre persoas, institucións e territorios”, subliñou Cajoto.

O deputado apuntou ademais que, de cara ao seguinte Ano Santo en 2027, “é o momento de planificar e sumar esforzos para chegar preparados a esa cita. Temos dous anos cruciais para avanzar en proxectos, ideas e compromisos que garantan que o Camiño de Santiago continúe a ser un referente mundial tamén no futuro”. Neste sentido, destacou o papel da provincia de Lugo como “unha auténtica terra de peregrinos”, grazas aos seus 800 quilómetros de rutas xacobeas que, segundo indicou, representan unha “ferramenta esencial” para impulsar un turismo sostible.

O acto de apertura celebrouse na Sala de Alcaldes da Casa Consistorial e contou coa presenza do alcalde ribadense, Daniel Veiga; do reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; e da viceconselleira de Turismo do Principado de Asturias, Lara Martínez, entre outras autoridades.

O programa das xornadas continuará mañá cunha mesa redonda titulada Galicia e Asturias unidas no Camiño, unha conferencia baixo o título De que falamos cando falamos de Mar por Medio e unha actuación da Coral Polifónica. O domingo, a ruta cultural Tras os pasos da Orde Franciscana porá o broche final a esta edición, que busca promover a reflexión, a cultura e o intercambio arredor da experiencia xacobea.

⚙ Configurar cookies
0.081110000610352