Ribadeo acolle a XX edición das Xornadas Mar por Medio

Ribadeo converterase de novo en sede das Xornadas Mar por Medio, que chegan este ano á súa vixésima edición. A cita celebrarase no Salón de Alcaldes do Concello entre os días 19 e 21 de setembro, organizada pola Academia Xacobea en colaboración co propio Concello, a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela.
O lema escollido para esta edición é “Ribadeo, encontro de Camiños”, co obxectivo de destacar a tradición xacobea da vila, porta de entrada a Galicia do Camiño Norte —recoñecido pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade—, e tamén como espazo de acollida e dinamización cultural arredor dos valores do Camiño de Santiago.
O programa abrirase o venres 19 ás 18.00 horas co saúdo institucional do alcalde Dani Vega e do presidente da Academia Xacobea, Marcelino Agís. De seguido terá lugar a mesa redonda “Facendo Camiño”, con representantes da Xunta de Galicia, o Principado de Asturias, a Deputación de Lugo, as universidades de Santiago e Oviedo e o propio Concello de Ribadeo.
O sábado 20 celebrarase unha segunda mesa redonda baixo o título “Galicia e Asturias unidas polo Camiño”, coa participación de profesorado universitario, e unha conferencia a cargo de Manuel Valín, que repasará os vinte anos de historia destas xornadas. Xa pola tarde, está prevista unha mesa dedicada á peregrinación como encontro de culturas e unha conferencia sobre o Camiño de Santiago como modelo de turismo rexenerativo.
O apartado cultural incluirá o concerto de Manoele de Felisa o venres, o da Coral de Ribadeo o sábado, así como un roteiro guiado baixo o título “Tras os pasos da Orde Franciscana”, que se desenvolverá o domingo pola mañá.
As persoas interesadas poderán inscribirse entre o 8 e o 18 de setembro na web da Academia Xacobea.