Ribadeo acolle a XIV Festa do Comercio de Acisa co sorteo dunha viaxe
Máis de 3.000 persoas asistiron á XIV Festa do Comercio de Acisa Ribadeo, nunha cita onde se sorteou unha viaxe a Mallorca para dúas persoas, 6.000 euros en vales de compra, e dúas xoias. Na entrega de premios participaron o alcalde, Dani Vega, a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, o director xeral de Comercio, Gabriel Alén, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, entre outras persoas.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, explicou que “o 35 aniversario desta asociación culmina co sorteo dunha viaxe a Mallorca, porque unha das primeiras directivas que tivo Acisa xa mandou naqueles inicios a varias persoas a este destino. E por iso nos fixo ilusión rematar deste xeito un ano de celebracións. Ademais dos 6.000 euros en vales de compra para dinamizar o comercio e a hostalería ao longo das vindeiras semanas, un reloxo e unha xoia”.
A presidenta de Acisa insistiu: “Os pobos sen tendas (sen comercio, sen hostalería, sen servizos) morren. Está nas nosas mans evitalo. Por iso vos digo unha cousa esta noite: menos compras a golpe de click no móbil ou na tablet a través de grandes plataformas de venda online e máis visitas ás tendas físicas. Eu quédome cos sorriros reais, fronte aos que chegan debuxados nunha caixa. Non digo máis”.