Ribadeo acolle a primeira edición dos Encontros de Familias

A Concellería de Benestar Social, Saúde e Familia de Ribadeo organiza a primeira edición dos Encontros de Familias, unha iniciativa que busca crear un espazo de reflexión, aprendizaxe e intercambio de experiencias coa colaboración da asociación Guillem Veiga Iglesias.
A concelleira Elena Sierra explica que o programa incluirá tres sesións: o 21 de marzo tratarase a educación emocional, o 28 de marzo abordaranse os problemas de conduta, e o 4 de abril falarase sobre a relación da familia coas pantallas.
A edil destaca que estes encontros permitirán afondar en temas clave para mellorar a calidade de vida das familias, promovendo tanto o desenvolvemento físico e cognitivo como o benestar emocional e social das crianzas.
Os encontros serán gratuítos, pero con prazas limitadas, que se asignarán por orde de inscrición. As persoas interesadas poden anotarse ou solicitar máis información a través do teléfono ou WhatsApp no 672 986 476, ou enviando un correo electrónico a drogodependencias@ribadeo.gal.
As sesións terán lugar no Centro Sociocomunitario de Ribadeo de 18:00 a 20:00 horas e, para facilitar a asistencia das familias, ofrecerase servizo de lecer simultáneo para as crianzas.