Ribadeo acolle a maior batalla de barbeiros do norte peninsular

Ribadeo converterase o vindeiro sábado 18 de maio no epicentro da perruquería masculina coa celebración da Barber Battle, unha competición que reunirá a destacados profesionais do sector e que promete ser o maior encontro deste tipo no norte de España. O evento está impulsado por Cristhian Barber, barbeiro local, e conta co apoio do Concello de Ribadeo.
A presentación oficial tivo lugar no Salón dos Alcaldes e contou coa presenza do alcalde, Dani Vega; dos concelleiros de Mocidade e Turismo, Francisco José Silvent e Marta Saiz; e do propio organizador, Cristhian Barber. Todos coincidiron en salientar a importancia desta iniciativa que promove talento local e dinamiza o tecido social e comercial da vila.
A cita desenvolverase no pavillón da rúa Alfredo Deaño e incluirá unha master class visual e unha batalla profesional entre algúns dos nomes máis recoñecidos do panorama da barbeiría: Ismael de Mora, Fran Aranda, Cristhian Barber, Sion Barbería, Iván Jiménez e Jesús Vázquez.
Desde a organización advirten que as prazas para asistir son limitadas, polo que animan á veciñanza a reservar canto antes. O concelleiro de Mocidade, Francisco José Silvent, destacou: “No Concello estamos moi satisfeitos de apoiar esta proposta, impulsada por un mozo emprendedor de Ribadeo. É a primeira vez que unha batalla de barbeiros chega á nosa vila e confiamos en que teña unha excelente acollida. Agardamos que a xente nova poida aprender técnicas innovadoras e desenvolver o seu propio estilo”.