Ribadeo acolle a exposición “Tan coma ti” para reivindicar a igualdade e a inclusión

A Oficina de Turismo de Ribadeo acolle desde este mércores a exposición “Tan coma ti”, unha iniciativa da Asociación Down Lugo en colaboración co Concello de Ribadeo, que busca promover a inclusión social e derrubar prexuízos sobre as persoas con síndrome de Down. A mostra, composta por 40 imaxes, poderá visitarse ata o 31 de outubro.
Durante a inauguración, o alcalde Dani Vega destacou que “Ribadeo é un exemplo en políticas de integración e en poñer no centro o valor da persoa”. Engadiu que a exposición pretende sensibilizar á cidadanía sobre a importancia de construír unha sociedade verdadeiramente inclusiva, na que se recoñeza que “as persoas con síndrome de Down pensan, actúan e soñan como calquera outra, teñan ou non discapacidade”.
As fotografías amosan situacións cotiás, retratando ás persoas protagonistas mentres desenvolven actividades diarias. Vega subliñou que “estas imaxes convidan a reflexionar sobre as similitudes que nos unen máis alá das diferenzas visibles; o obxectivo é unir, comprender que todos somos iguais e que debemos situar no centro o valor da persoa”.
O rexedor incidiu tamén en que esta iniciativa busca fomentar o respecto, a empatía e a xustiza social, desafiando estereotipos e promovendo unha visión máis aberta da diversidade humana. “Trátase de promover unha sociedade máis xusta e equitativa, onde todas as persoas teñan o mesmo valor”, afirmou.
Dani Vega aproveitou a ocasión para recoñecer o traballo da Concellería de Benestar Social e da asociación Down Lugo, agradecendo o seu labor na sensibilización e acompañamento das familias. “Debemos seguir colaborando con entidades que, como Down Lugo, fan un traballo esencial para acoller, integrar e visibilizar”, engadiu.
Segundo explicou o alcalde, esta exposición é a primeira dunha serie de accións conxuntas co colectivo, coas que o Concello pretende seguir impulsando políticas de inclusión e convivencia. “Estas 40 fotos son só o comezo dunha colaboración que quere chegar máis alá da mostra, porque todos debemos facer unha reflexión: somos iguais e debemos actuar en consecuencia”, concluíu Vega.