Ribadeo acolle a exposición fotográfica “Tan coma ti” para visibilizar a síndrome de Down

AMariñaXa
Do 15 ao 31 de outubro, a mostra de Down Lugo poderá visitarse na Oficina de Turismo e busca sensibilizar á cidadanía sobre a inclusión e a igualdade
261021-Foto-Concello-Ribadeo
11 Oct 2025

A partir do 15 de outubro, Ribadeo será sede da exposición fotográfica “Tan coma ti”, organizada pola asociación Down Lugo, que poderá visitarse ata o día 31 na Oficina de Turismo. O acto inaugural terá lugar ás doce do mediodía do mércores 15, coincidindo coa posta en marcha dun proxecto que pretende dar voz á realidade diaria das persoas coa síndrome de Down.

Segundo explican desde Down Lugo, a mostra nace coa intención de romper estereotipos e poñer en valor o papel activo e significativo destas persoas na sociedade. “Tan coma ti” inspírase na campaña homónima promovida por Down España este 2025 co motivo do Día Mundial da Síndrome de Down, celebrado o pasado 21 de marzo, e quere transmitir que estas persoas senten, pensan e actúan do mesmo xeito que calquera outra, máis aló das diferenzas visibles.

A exposición reúne 40 fotografías que recollen momentos cotiás de persoas con síndrome de Down, invitando ao espectador a reflexionar sobre aquilo que nos une como seres humanos. Cada imaxe está acompañada dun pé de foto cunha frase pronunciada pola propia persoa retratada, un recurso que permite escoitar directamente a súa voz e coñecer a súa visión da vida. Estas fotografías proceden de distintos puntos da provincia de Lugo, achegando así unha visión plural e representativa do territorio.

A concelleira de Benestar Social, Elena Sierra, destacou que “a través destas imaxes, captadas con sensibilidade e respecto, os visitantes poderán achegarse ás vivencias cotiás, intereses, soños e capacidades das persoas protagonistas, destacando que, como indica o título da exposición, son tan coma ti”.

O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, subliñou que “esta iniciativa enmárcase no compromiso do Concello coa diversidade, a igualdade de oportunidades e a inclusión social, e é o primeiro paso dunha serie de accións conxuntas previstas para os vindeiros meses, como é o Foro Down Tan iguais coma diferentes, que terá lugar o 25 de outubro, grazas tamén á colaboración da Xunta de Galicia”.

A mostra de Down Lugo será itinerante, coa intención de percorrer diferentes concellos e centros culturais da provincia, levando unha mensaxe de inclusión, respecto e empatía. Cada fotografía pretende provocar reflexión, derrubar prexuízos e promover unha sociedade máis equitativa, facendo visible o valor e o dereito á participación plena das persoas con síndrome de Down.

⚙ Configurar cookies
0.073611974716187