Ribadeo acende motores para unhas festas de setembro inesquecibles

AMariñaXa
Ráfaga encabezará unha programación que promete moita festa, pero a Comisión de Festas aínda garda sorpresas por revelar
fogos-artificio-ria-ribadeo
23 Jun 2025

Ribadeo prepárase para vivir unha nova edición das súas festas patronais cun espírito festivo que xa se sente nas rúas. A Comisión de Festas anunciou os primeiros nomes do cartel, no que destaca a presenza do histórico grupo Ráfaga, unha das bandas máis coñecidas da música latina, que actuará o domingo 8 de setembro ás 23.30 horas.

O grupo arxentino traerá ao escenario éxitos tan recoñecibles como “Mentirosa”, “Muero de frío” ou “La luna y tú”, e promete converter a noite do día 8 nunha auténtica explosión de ritmo. Desde a organización aseguran que “vai ser unha noite épica, de moita festa e temazos para cantar e bailar ata quedar sen voz”. Antes do concerto de Ráfaga, o público poderá gozar da actuación doutra orquestra, que aínda non foi desvelada.

Tamén se avanzaron parte dos actos previstos para a véspera, o sábado 7 de setembro, con verbena a cargo dos grupos Cinema e La Bamba, e os tradicionais fogos artificiais no peirao, que volverán correr a cargo de Pirotecnia Areiriz, unha firma con longa traxectoria nestes eventos.

A Comisión indicou que a programación incluirá, como cada ano, xornadas especiais dedicadas á infancia e ás persoas maiores. Celebraranse o Día do Neno e o Día dos Maiores, con actividades específicas para cada público. Ademais, durante os días que dure a festa haberá sesións vermú en distintos puntos da vila, dinamizadas por charangas e grupos musicais que animarán o ambiente desde o mediodía.

Un dos cambios máis relevantes deste ano será o traslado do recinto principal ao aparcadoiro municipal, situado entre as rúas Daniel Cortezón e Ramón González. Esta nova localización, segundo explican, permitirá “contar cun espazo máis amplo e cómodo para montar os escenarios, as atraccións de gran tamaño e zonas para o público, sen interferir no entorno patrimonial do centro histórico”.

Aínda que os primeiros anuncios xa espertaron grande expectación, desde a organización insisten en que a programación non está pechada e que nas vindeiras semanas se irán desvelando máis nomes, actuacións e actividades.

Con moita festa por diante e varias sorpresas gardadas, Ribadeo apunta a converter o mes de setembro nunha cita imprescindible na Mariña. “Marca a data, que isto hai que vivilo!”, conclúen desde a Comisión.

⚙ Configurar cookies
0.16154599189758