Ribadeo abre o prazo para as actividades lúdico-deportivas de Semana Santa

AMariñaXa
A programación busca apoiar a conciliación familiar e laboral, con actividades para nenos, mozos e persoas maiores
ribadeo-semana-santa-actividades-2025
25 Mar 2025

Desde hoxe, 25 de marzo, e ata o 3 de abril, está aberto o prazo de inscrición para as actividades organizadas polas Concellerías de Deportes e Mocidade e Benestar Social e Familia, con motivo da Semana Santa. Estas propostas están pensadas para facilitar a conciliación laboral e familiar durante as vacacións escolares, permitindo que as familias poidan gozar de tempo de lecer sen renunciar ás súas obrigas profesionais.

A programación inclúe varias opcións para diferentes idades. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, presentou os detalles do mini campamento que terá lugar os días 14, 15 e 16 de abril no CEIP Gregorio Sanz. Este campamento está dirixido a nenas e nenos de 4 a 8 anos, que disfrutarán dunha xornada de 10:30 a 14:00 horas, e para rapazas e rapaces de 9 a 12 anos, que contarán cun horario de 10:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas. Ambos campamentos terán servizo de programa madrugador.

Ademais, o 15 de abril, celebrarase unha festa lúdica con inchables, pintacaras, glitter bar, photocall, xogos e baile, destinada a todos os nenos e nenas, estean ou non inscritos nas actividades organizadas polo Concello. Esta festa terá lugar de 16:30 a 19:30 horas, e os participantes deberán ir acompañados dunha persoa responsable.

A programación tamén inclúe unha proposta para a mocidade maior de 12 anos, co encontro "A mocidade de Ribadeo conta", que se desenvolverá no CEIP Gregorio Sanz de 10:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas. Este espazo busca ofrecer oportunidades de participación, aprendizaxe e diversión para os mozos e mozas, permitindo que expresen as súas inquedanzas e intereses de maneira aberta e plural.

Tamén, o 15 de abril terá lugar a actividade interxeracional "Aos anos achegan… aos libros", no Centro de Día de Ribadeo. Esta actividade, organizada polo CAMP de Ribadeo, o CIFP Porta da Auga e o Concello, terá lugar ás 11:30 horas e estará dirixida a nenos de 0 a 3 anos, que deberán acudir acompañados dunha persoa responsable.

As prazas para todas estas actividades son limitadas, polo que é necesario formalizar a inscrición na Casa da Xuventude, situada na rúa Antonio Otero. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe ata o vindeiro 3 de abril. Como explicou o concelleiro de Deportes, "o obxectivo é dar resposta á necesidade de conciliación das familias, xa que moitos pais e nais seguirán traballando de maneira habitual durante as vacacións escolares".

Ademais, entre o 14 e o 16 de abril, terán lugar as xornadas de tecnificación do Real Sporting de Xixón, para as que as inscricións deberán realizarse a través da páxina web www.thefootballdream.com.

⚙ Configurar cookies
0.17254495620728