Ribadeo abre o prazo de inscrición para as actividades infantís e xuvenís de Semana Santa

AMariñaXa
O Concello programa propostas deportivas, creativas e de lecer para a rapazada, con opcións para diferentes idades e servizo de conciliación para facilitar a organización das familias
mini-campamento-ribadeo
Mini Campamento de Semana Santa, Ribadeo
7 Mar 2026

O Concello de Ribadeo abrirá o próximo 10 de marzo o prazo de inscrición para participar nas actividades organizadas con motivo da Semana Santa, unha programación dirixida á rapazada coa que se pretende ofrecer alternativas de ocio educativo durante as vacacións escolares.

O concelleiro de Deportes e Mocidade, Francisco José Silvent, explicou que unha das propostas será Pequemultiaventura de Primavera, unha actividade pensada para nenas e nenos a partir de 4 anos. Desenvolverase os días 30 e 31 de marzo e 1 de abril no CEIP Gregorio Sanz, en horario de 10:00 a 14:00 horas. Durante estas xornadas os participantes poderán gozar de xogos dinámicos, actividades deportivas, obradoiros creativos e outras propostas pensadas para fomentar o movemento e a diversión. Ademais, habilitarase un servizo de conciliación entre as 8:00 e as 15:00 horas.

Para a mocidade de maior idade, o Concello organizará Activa Mente, corpo e creatividade, unha iniciativa destinada a rapazas e rapaces a partir de 12 anos que combinará actividade física, retos en equipo e talleres creativos. Esta proposta tamén se celebrará nas mesmas datas e instalacións, en horario de mañá, co obxectivo de ofrecer un espazo dinámico no que estimular tanto o corpo como a imaxinación.

A programación completarase cunha actividade especial titulada Retro Arcade Day, prevista para o 31 de marzo pola tarde no Teatro de Ribadeo, entre as 16:30 e as 20:30 horas. A cita, dirixida a participantes de máis de 10 anos, permitirá descubrir e experimentar con diferentes propostas de ocio tecnolóxico e creativo, como máquinas arcade, unha Gameboy XXL, unha zona gaming con realidade virtual, unha canastra dobre con marcador electrónico e varios talleres, entre eles un musical e outro de creación con Hamma Beads Pixels.

Segundo indicou Silvent, o obxectivo é ofrecer unha programación atractiva e variada que permita á rapazada desfrutar da Semana Santa dun xeito activo e diferente, ao tempo que se facilita ás familias a conciliación da vida laboral e persoal durante eses días.

As inscricións deberán formalizarse na Casa da Xuventude de Ribadeo e permanecerán abertas ata completar o número de prazas dispoñibles.

0.11729407310486