Ribadeo abre a inscrición do renovado concurso gastronómico Ribadeo Sabe

AMariñaXa
A cita celebrarase do 14 ao 17 de maio con novos premios e un xurado profesional de prestixio
manipulador-alimentos-hostalería
26 Mar 2026

Ribadeo xa quenta motores para unha nova edición do seu concurso gastronómico Ribadeo Sabe, que nesta ocasión chega cun formato renovado e importantes novidades. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 15 de abril para todos aqueles establecementos hostaleiros que desexen participar nesta proposta culinaria.

O evento desenvolverase do 14 ao 17 de maio e contará con premios destacados tanto para os locais como para o público. O establecemento gañador segundo o criterio do xurado profesional recibirá un curso no Basque Culinary Center, acompañado dunha estancia en San Sebastián e un diploma acreditativo. Pola súa banda, o premio do xurado popular incluirá unha visita con cata na Bodega Regina Viarum, unha comida para dúas persoas no restaurante Vértigo, distinguido cunha estrela Michelin, e o correspondente diploma.

O xurado estará integrado por recoñecidos profesionais do sector, como o chef Rafa Centeno, Juan Rubiños, Alberto Veiga e o divulgador gastronómico Daniel Gutiérrez, que valorarán as propostas presentadas e escollerán a mellor tapa antes do inicio das degustacións.

Ademais, o público participante poderá optar a premios en forma de vales de compra e experiencias enoturísticas. Desde a organización animan á hostalería local e á cidadanía a sumarse a esta iniciativa, que busca dinamizar o sector e converter Ribadeo nun referente gastronómico durante eses días.

0.11993598937988